Henrique Alvarellos, Juan Luís Tapias, Federico García Lorca, Luis Mariscal, Francisco López
El gran viaje de estudios de García Lorca
Alvarellos, Santiago de Compostela, 336 páxinas, 22,50 €, 2018
As persoas que visitan este blog saben que non adoito ocuparme aquí de libros que non estean escritos en lingua galega pois a filosofía que inspira o Caderno da crítica así o entende desde os seus comezos. Con todo quero facer unha excepción con este libro editado por Alvarellos Editora por dúas razóns fundamentais: a primeira xira arredor do meu interese pola figura de García Lorca, que tratei hai case vinte anos nunha investigación para un Congreso na que intentei recuperar os pasos do poeta e a transcendencia que gozou unha das súas viaxes a Galicia, concretamente a derradeira que efectou como responsable do proxecto “La Barraca”; en segundo lugar, porque entendo que esta publicación deita unha ollada inédita sobre o coñecemento e a valoración que Lorca realiza do noso país no que foi o seu primeiro encontro: xustamente unha viaxe de estudos por Castela, Galicia e León que realizou canda o profesor Domínguez Berrueta e outros compañeiros e que asenta a miña idea da relevancia que posúen, para a educación e a formación, estas viaxes didácticas.
Dun ou doutro xeito, teño para min que este é un volume clave, xa non só para quen guste da obra literaria de Lorca ou queira afondar nalgún elemento biográfico seu. Nel exhíbese unha moi valiosa información que axuda a entender non só a relación entre Lorca -nun momento clave no que decide abandonar a carreira musical e abrazar a escrita- e Galicia senón como se nos vía hai, xustamente 102 anos, da man duns estudantes en proceso de formación e que deixaron testemuño escrito dese encontro.
O libro inspírase no traballo do seu editor Henrique Alvarellos. Foi el quen tivo a iniciativa de publicar por vez primeira e de maneira completa a narración desa viaxe que Luis Mariscal, un dos estudantes que acompañaban a Lorca, ía enviando a un xornal granadino: unha viaxe de estudos e formativa que foi así espellándose nunhas crónicas que recollen desde os primeiros pasos ata, loxicamente, a súa recalada en Galicia e a finalización da mesma. Este documento rescatado está profusa e necesariamente anotado por Carla Fernández, doutora en Historia da Arte e precedido tanto por un limiar explicativo do sentido do volume a cargo de Alvarellos como dun ensaio que subscribe Juan Luis Tapia sobre o propio Luis Mariscal, completado tamén cun apéndice onde igualmente se recupera un texto de Francisco López, compañeiro de Lorca nesta viaxe, sobre Santiago de Compostela.
Logo do texto de Mariscal o volume incorpora a visión que da viaxe confesa Lorca a través de cartas e prosas varias, alén de fragmentos do seu primeiro libro: Impresiones y paisajes, publicado xustamente hai agora cen anos, onde recollía as sensacións desta viaxe. Vaian só dous exemplos: “Por la carretera pasan carros primitivos, los conducen vacas de ojazos azules y dulces, su andar es resignado y tranquilo” e “¡El mar! ¡El mar…! Verde muy verde esmeraldino con espuma. El agua se estrella contra los riscos de la costa levantando polvo blanco.”
Apréndese e gózase con este libro, editado con primor cun corpus fotográfico e documental moi valioso. Tal e como ocorre coas viaxes de estudos latexa nel un inequívoco proceso de aprendizaxe, neste caso sobre Lorca, sobre a súa figura, tamén sobre nós mesmos. Non é pouco.