Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Os eidos. O libro do Courel, de Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra

Os eidos. O libro do Courel

Biblioteca de Mesopotamia, Monforte, 320 páxinas, 17 €, 2017

 

Manifestar algo distinto ou novidoso respecto do universo irrepetible e senlleiro que se transmuta en palabra e emoción n´Os eidos é, probablemente, unha práctica que non conduce a ningures. Talvez non o sexa tanto, cando xa case nos asomamos ao vinte cabodano de Novoneyra, reler hoxe aquel libro pois sempre nos dirá cousas distintas, nin tampouco o é lembrar a recente reedición deste libro fulcral que se acolle no selo Biblioteca de Mesopotamia, dirixido por Antón Lopo e impulsado por Chan da Pólvora Editora: unha iniciativa singular que contou co apoio de numerosos concellos do territorio da Ribeira Sacra xunto con outras entidades institucionais.

A voz da poeta Olga Novo é a que precede esta edición, que inclúe Os eidos, Os eidos II e mais esa saída case “biolóxica” e única entre poesía e pintura que supón Caligramas. Novo captura evocacións desde a memoria e a poesía e redacta un limiar inesquecible a xeito de diálogo presocrático entre o poeta e aquela nena de Vilarmao que ela foi. A nena asomábase a unha fiestra e imaxinaba  un arco da vella  transformado nunha xeometría pola que desde O Incio se podía acceder a outra fiestra semellante, situada agora nunha casa de Parada do Courel. Nese ceo entre tesos cumes escríbese unha partitura persoal que estordega o significado último das palabras de Novoneyra e que se adentra no que el significou e significa hoxe. Por outro lado, é Emilio Araúxo quen incorpora, a xeito de dicionario novoneyriano, un valioso e inédito glosario de voces que revelan intencións, actitudes e opinións de Novoneyra respecto da creación e interpretación d´Os eidos e do universo que rodea o Courel.

Desta coda de Araúxo extraio só unha referencia tras sentir días atrás o mundo courelao: ese lugar do que o poeta dicía que os camiños partían “coma se fosen seres vivos”. Refírome á “casa” porque desde ela enténdese mellor o mundo todo de Novoneyra: a casa da Fonte, da Ribadaira  ou do Crego; a casa das lacenas encanastradas; a casa dos silencios, das presenzas e ausencias, das voces apagadas; a dos cadros e dos libros que atesouran a memoria; a casa do pai, a de Uxío, Arturo e Branca, a de Elba Rei e Oroza, a de quen a imaxina tamén. Permitíronnos, hospitalariamente, “tocarlle as maos ós antepasados” que alí habitan: vímolos pasar diante de mans dadas co presente e foi inesquecible. N´Os eidos está isto e moito máis, ben sabido é.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, 0 13 de abril de 2018.

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: