Fran Alonso: novo director de Edicións Xerais

Recibo a noticia do nomeamento de novo director de Edicións Xerais na cidade de Murcia, onde represento ás compañeiras e compañeiros da Asociación Galega de Crítica  para dar a coñecer os galardóns anuais dos Premios da Crítica na modalidade de poesía e prosa en lingua galega.

Por esta razón só podo redactar un breve apuntamento para manifestar a miña alegría por esta noticia: Fran Alonso capitaneará unha  empresa clave na nosa realidade cultural e editorial e farao, estou certo, con ilusión e enerxía tras o oceánico labor que desenvolveu tantos anos Manuel Bragado. A ninguén se lle oculta o seu dilatado currículo do mundo da edición en lingua galega desde hai tres décadas e entendo que o seu paso para ostentar un  posto con maior responsabilidade é un proceso lóxico e, ao meu ver, moi acertado. Desde o principio da súa indubidable capacitación profesional, sempre abeirada a novos e orixinais proxectos, ao que se une a súa honestidade e  integridade e, ao tempo, o seu coñecemento da propia editorial, non é difícil pensar que se abre agora un novo horizonte na editorial viguesa que ao meu xuízo cómpre ollar con esperanza e apoiar. Moitos parabéns para Fran Alonso neste novo desafío e para todo o equipo de Xerais.