Guau, guau, guau (ilustracións de Eva Seoane)
Embora, Ferrol, 40 páxinas, 14 €
Todos evocamos con facilidade ao Milú de Tintín, ao Buck ou ao Cairo Branco de Jack London, ao Argos de Ulises ou ao can Pachín que acompañaba ao Balbino de Neira Vilas entre moitos outros: cans inmortalizados na literatura que forman parte do noso propio imaxinario.
Os cans que nos presenta Carlos López son desa estirpe marabillosa. O autor, que como narrador sempre se asoma a ángulos que lle permiten ollar as cousas de maneira diferente, exhibe de novo esa capacidade que ten para que a palabra nos arrinque un sorriso e, ás veces, nos deixe unha profunda reflexión. Consegue gañar a nosa complicidade para que aceptemos de bo grado que sempre é posible atopar o marabilloso na aparente normalidade ou, dito doutro xeito, que sempre hai ocasións para que o fantástico e o sorprendente se instale na vida cotiá.
O mundo de Guau, guau, guau! aliméntase dunha vintena de pequenas historias ateigadas de cans e cadelas que son border collies, setters, sanbernardos ou huskis…, e todos son quen de facer cousas extraordinarias polo seu enxeño, intelixencia e talento; todos dan moito máis do que se lles pide. Por veces mesmo viven verdadeiras epopeas onde non sempre todo é como parece, simbolizan historias de superación e, como é natural, tamén circula nas súas vidas un chisco de melancolía.
Teño para min que se algo hai que une estas historias é o inequívoco respecto á diferenza e á diversidade no medio e medio dunha fresca, e admirable, ollada imaxinativa.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de abril de 2018.