O xogo das cadeiras, de Uxue Alberdi

Uxue Alberdi

O xogo das cadeiras (tradución de Isaac Xubín)

Hugin e Munin, Compostela, 116 páxinas, 14,50 €, 2018.

 

Non é a primeira proposta da escritora, xornalista, tradutora (responsable de traducir ao éuscaro a Agustín Fernández Paz) e bertsolari Uxue Alberdi que podemos ler en lingua galega pois hai algún tempo Kalandraka acolleu Cando sexades pequenos: un orixinal álbum ilustrado onde xustamente as crianzas eran as responsables de anunciar ás persoas adultas o que lles ocorrerían de volveren á nenez.

O xogo das cadeiras -inevitable non lembrar a iniciativa que baixo este nome un conxunto de escritoras realizaron hai uns anos para reclamar un maior espazo para as mulleres na Real Academia Galega-, traducido vizosamente por Isaac Xubín, orienta o seu contido agora á vellez usando como metáfora o coñecido xogo grupal onde as cadeiras se van retirando conforme avanza o seu desenvolvemento.

Novela de corte intimista eríxese,  á súa vez, como un proposta sólida que beirea e reflexiona sobre asuntos como son a memoria, en especial a memoria das mulleres e a chegada da morte, sen esquecer a relevancia que posúen os acontecementos vividos en situacións extremas -como pode ser a da guerra civil- para moitas das protagonistas que a viviron.

O xogo das cadeiras exhibe, a carón dunha indisimulada querenza polo trazo limpo, exento de barroquismos e acaroado en moitas ocasións á oralidade como fonte expresiva, unha estrutura fragmentaria tal e como é dalgún xeito o funcionamento da memoria, gobernada neste caso por diversas voces narrativas: recurso que non empece, antes ben facilita, a súa comprensión como un friso, particular e de proxección colectiva, sobre o pasado e o presente dunhas personaxes imborrables como son Martiña, Teresa e Eulali: mulleres rexas e independentes, verdadeiras transmisoras da sabedoría, da experiencia, da propia historia e, ao tempo, donas dunha ollada singularizada que carrexa moito padecemento e historias de violencia e submisión diante das que reaccionan e resisten exemplarmente. A novela fálanos da dignidade desas mulleres cando eran novas e, tamén, cando son anciás.

O profesor vasco Javier Rojo dicíame hai uns meses que este libro foi pioneiro, desde un punto de vista temático e, nalgunha medida técnico, dun ronsel de propostas narrativas en éuscaro que foron chegando desde a súa publicación orixinal (Aulki-jokoa) no ano 2009. En boa parte, ao meu ver, entre nós tamén agromaron, e máis que agromarán, novelas e relatos que discorren nunha liña paralela constituíndo talvez un elo, non sei se invisible, entre a literatura en éuscaro de arestora e a nosa.