Cuestionario Proust: Antonio Tizón

Antonio Tizón (fotografías: Antonio Ramos)

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

− A bipolaridade.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

− A serenidade.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Comprensión.

4.– A súa principal eiva?

– A indisciplina, agravada pola confianza desmesurada na inspiración.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Escribir e ler.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Escribir e ler sen pasar noites en branco.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Morrer a destempo, a morte a destempo dos meus seres queridos.

8.– Que lle gustaría ser?

– Un bo trobador ou xograr do século XXI.

9.– En que país desexaría vivir?

– No meu país: Galicia.

10.– A súa cor favorita?

– Azul.

11.– A flor que máis lle gusta?

– Caravel.

12.– O paxaro que prefire?

– Pardal.

13.– A súa devoción na prosa?

– Xabier Quiroga.

14.– E na poesía?

– Rosalía.

15-. Un libro?

Follas novas.

16.– Un heroe de ficción?

– O probe emigrante do primeiro poema cronolóxico de Cantares, “Adiós, ríos, adiós fontes…”.

17.– Unha heroína?

– A muller revolucionaria de “A xusticia pola man”.

18.– A súa música favorita?

– A música popular.

19.– Na pintura?

– Igual que na literatura: o realismo simbólico, máxico, tan cotiá como fantástico.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– María Dominga Cordeiro García, a miña avoa, que non sabía ler nin escribir, que tiña o don da elocuencia.

21.– O seu nome favorito?

– María da Alba.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– A mala educación.

23.– O que máis odia?

– A guerra, a corrupción, a impunidade do poder fronte ao crime.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Franco, pola súa proximidade xeográfica, por ser o máximo responsábel  dun dos maiores xenocidios humanos, políticos, económicos, sociais, culturais e lingüísticos que rexistra a historia da Humanidade.

25.– Un feito militar que admire?

– Ningún.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– A elocuencia.

27.- De que maneira lle gustaría morrer?

– Con lucidez, coa memoria intacta, cando me chegue a hora, tranquilamente na cama, coma miña avoa, ou sentado ao pé da lareira, coma meu avó; non coma miña nai que, cando morreu, levaba xa moito tempo morta, sen lucidez, sen memoria.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– A oscilación.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– A folganza, a gula.

30.– Un lema na súa vida?

– Teño moitos, entre os que hai un que descubrín durante o proceso creativo da miña primeira novela, A antesala luminosa, e que podería formularse así: “De todos os misterios da vida, considero que o máis resistente é o amor, porque sobrevive ás maiores calamidades: o paso do tempo, a distancia, a loucura e a morte”.