Mar adiante, de María Victoria Moreno, en edición facsimilar

Interesado por unha noticia que daba conta da presentación, a semana pasada, dunha edición facsimilar do libro Mar adiante  que publicaba o Consello da Cultura Galega, tiven ocasión durante un tempo de mergullarme nela pois pode consultarse, ou baixarse libremente, premendo nesta ligazón.

Como as persoas interesadas poderán comprobar, o libro concíbese como unha homenaxe da devandita institución á figura de María Victoria Moreno ao reproducir facsimilarmente a primeira edición deste título pioneiro da nosa literatura infantil  e que viu a luz no ano 1973 nas Edicións Celta de Lugo.

Alén dun prólogo institucional a cargo de Ramón Villares, incorpórase un estudo amplo a cargo de Xesús Alonso Montero sobre a xénese e sorte ecdótica do propio libro, ademais doutras valoracións literarias en clave persoal e literario da autora; a continuación, engádese unha emocionante”carta” que Sara Alonso Pimentel lle escribiu á autora homenaxeada neste ano que, ao meu ver, contribúe de maneira salientable a revelar algunhas das claves do perfil máis humano de María Victoria Moreno.  Sara Alonso conservaba un fermoso e ilustrado mecanoscrito orixinal de María Victoria Moreno titulado “Crarisco”, finalmente incorporado a Mar adiante pero que, como tal, nunca se dera a coñecer e que cedeu expresamente para esta publicación.

Necesaria e efectiva homenaxe a que nesta publicación se encerra neste mes de maio, aínda a espera nestes vindeiros días de, cando menos, un par de propostas máis que rescatarán suxestivos textos inéditos da autora.