Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Soneto no alfabeto

Galaxia, Vigo, 64 páxinas, 10 €

 

Hai algúns anos rescataba nestas páxinas o profesor Alonso Montero uns versos, creo que aínda inéditos, de Filgueira Valverde, nos que reflexionaba sobre a saúde do soneto. Aquel poema, titulado Soneto sonetil e didáctico, concluía afirmando: «Pero os vates de agora, no lirismo, / foxen da rima e sílabas contadas, / coma noxos dun vello preceptismo / e nestes tempos de estructuralismo / prefiren para as súas cabalgadas / os ceibos campos do versal librismo».

Fago uso desta constatación subscrita por alguén que usou con fortuna a fórmula para referirme ao novo libro de Domínguez Alberte no que, como autor versátil que é para acoller e asumir novos retos, opta agora por someterse á férrea disciplina que implica este molde clásico. En Soneto no alfabeto, así pois, o autor abraza con valentía esta forma transitada por voces que van de Dante a Shakespeare, de Petrarca ou Camões a Rilke e súmase a unha rica tradición acariñado por Vázquez de Neira e Curros, por Cabanillas ou Manuel María, onde tamén sobresaíron composicións de Víctor Campio, Pepe Álvarez Cáccamo, Antón Tovar, Vázquez Naval, Marica Campo ou Miro Villar.

Mais hai tamén neste libro, cando menos, outros dous condicionamentos procurados á mantenta como son o de ofrecer, inicialmente, un sonetario marcado pola suxestión que encerra cada unha das letras do noso abecedario nunha implícita homenaxe á lingua galega e, en segundo lugar, por aplicar unha orientación desde a que suxerir camiños activos para a lectura dun público adolescente, aínda que non só, que repare así nas posibilidades lúdicas e expresivas que pode atesourar a poesía nun xénero onde son sempre escasas as achegas que viron a luz nos últimos anos. Os poemas dinamízanse, como é lóxico, cun manexo técnico alimentado de paronomasias, aliteracións e outros recursos, mais sobre por unha actitude sinestésica mediante a que o autor percibe e plasma correspondencias que afondan nos mundos das percepcións sensoriais ateigadas de cores, sons, sabores e texturas, e tamén ideas, que constrúen os textos desde a súa base nunha actitude semellante á que abrazou aquel vello poeta que se chamou Arthur Rimbaud. Moitas frontes son, así pois, as que inspiran este libro, evidentemente contra corrente ao asentarse nunha fórmula expresiva abandonada, mais viva e sempre esixente á que, sen dúbida, Domínguez Alberte se asoma con fortuna.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de maio de 2018.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: