Fóra de si
Xerais, Vigo, 224 páxinas, 17 €
Tras algúns anos de silencio como narrador Suso de Toro volveu publicar, hai escasos meses,unha novela baixo o título de Fóra de si. A narrativa de Suso de Toro, quéirase recoñecer ou non, marca un antes e un despois na literatura galega contemporánea e este libro, entre outros valores que o rodean, vén confirmalo.
Ler este Fóra de si supón un reencontro cos esteos fundamentais que gobernan a produción narrativa do escritor compostelán como son o recurso á oralidade, considerada liña axial dun discurso onde as voces que falan son as que, por elas mesmas, revelan a súa propia personalidade: unha personalidade individualizada e sólida, marcada por acontecementos que cómpre situar no pasado e sobre todo, na memoria familiar: a ela interpélase unha e outra vez; ela é quen, ao mesmo tempo, agocha as claves argumentais que vai desvelando un neurociruxián, precisamente, “fóra de si” por razóns persoais e laborais. Un accidente que sofre cambiará a súa vida e, en boa parte, afectarán aos seus propios hábitos, abandonando así a cidade para ir vivir ao campo e carrexando, como unhas das consecuencias, o empredemento dun monólogo co seu pai, só interrompido por este últilmo unha única vez, que está ingresado nunha residencia e que será, á fin e ao cabo, un verdadeiro axuste de contas sobre a propia vida. Por outro lado, a transformación que se evidencia no protagonista ten, asemade, algo de resurrección persoal, de redención e de descuberta das posibilidades que pode ofrecer a vida e que contribuirá, de maneira salientable, a superar o seu propio conflito persoal.
A novela alicérzase, ao mesmo tempo, nunha estrutura fragmentaria debedora dunha concepción teatral e cinematográfica moi ben conseguida, onde a ausencia dunha voz narradora é un dos seus trazos distintivos e, ao meu ver, supón unha das claves para que a proposta narrativa funcione como un reloxo perfectamente cronometrado cunha resolución difícil de mellorar. Eu celebro e convido a que se lea e coñeza este reencontro coa palabra de Suso de Toro, co mellor Suso de Toro.