A miña profe é un monstro! (Diso nada.) (tradución de Marta Pérez e Quique Alvarellos)
Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 14 €, 40 páxinas, 2018
Refórzase estimablemente a serie Verdemar de Alvarellos Editora con tres novidades que chegan estes días ás librarías entre as que saliento A miña profe é un monstro!(Diso nada.) do escritor norteamericano Peter Brown, por vez primeira vertido á lingua galega.
“Para podelo crer, primeiro haino que ver” di unha locución galega que se refire ao que entendemos coa coñecida sentenza que se refire a que aparencias tamén enganan. E en efecto este asunto, dirixido a un lectorado novo, é o que recrea este libro de Peter Brown que nos achega ao mundo da escola, á relación existente entre as nenas e os nenos coa figura, neste caso, dunha profesora esixente e disciplinada que, malia que poida parecer inconcibible, ten tamén unha vida fóra da escola que permite establecer unha complicidade inaudita entre un alumno e a súa profesora baseada, fundamentalmente, no culto ao diálogo e á comunicación. O libro xoga, ademais, con doses de ironía -magnífico o recurso do avión de papel que, de causa de castigo vai converterse no elemento que unirá a mestra e alumno- e moito humor: algo que pode ir constatándose no tratamento visual da “profe Lola”, que vai cambiando precisamente de aparencia segundo as situacións e os contextos que rodean a súa presenza.
Recomendo este álbum ilustrado: suxestivo en cantos aos contidos e visualmente moi atractivo.