Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Catro olladas a María Victoria Moreno e unha escolma da súa obra

Reproduzo aquí o contido de dúas páxinas que complementan o meu anterior apuntamento. Saíron publicadas, igualmente, nas páxinas do Especial Letras Galegas dedicado a María Victoria Moreno de La Voz de Galicia, publicado o 15 de maio.

CATRO OLLADAS

Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, María Victoria Moreno.  A muller que durmía pouco e soñaba moito, Xerais, 128 páxinas, 12,50 €, 2018.

Pola súa solidez, o seu ton didáctico que exhibe e o rexistro empregado velaquí un traballo accesible e suxestivo tanto para un lectorado novo como adulto. As súas páxinas posibilitan que nos acheguemos, detrás de moita documentación consultada e dun intenso traballo de campo e hemerográfico por medio, a puntos escuros ou confusos da biografía intelectual e vital de María Victoria Moreno.

 

Isabel Soto e Xavier Senín, María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, Xerais, 160 páxinas, 15 €, 2018.

Unha das biografías de referencia, xunto coa que subscribe Montse Pena. Nela, baixo a vontade de resituar a figura de María Victoria Moreno repárase nos principais elementos de carácter biográfico grazas a un criterio cronolóxico. Ao tempo salientan as páxinas dedicadas ao contexto histórica en que a autora escribe e as que sintetizan as claves de lectura da súa produción creativa.

 

Ánxela Gracián, Doce cartas a María Victoria Moreno, Hércules de Ediciones, 144 páxinas, 12, 50 €

Unha achega orixinal subscrita pola escritora e tradutora Ánxela Gracián na que constrúe unha biografía moi documentada desde a perspectiva da ficción para o que escolle un personaxe do libro Mar adiante –o lobo Garimoso- que será quen nos guíe tras descubrir, emocionado, que foi soñado e imaxinado tal e como é –un lobo bo- pola propia Moreno. Páxinas trazadas, sen dúbida con precisión, acerto e emoción.

 

Montse Fajardo, O escalón de Ulises, Concellería de Patrimonio de Memor Histórica de Pontevedra, 144 páxinas, edición non venal.

Brillante achega da xornalista e escritora Montse Fajardo que se detén nese espazo dos afectos que foi a Pontevedra na que María Victoria Moreno viviu durante moitos anos. Faino a través de dezaoito voces que constrúen un libro coral que fala da docente e da escritora, mais tamén do ser humano que foi, coa memoria ancorada nun chanzo de Campolongo onde a autora contaba a historia de Ulises e Penélope.

 

UNHA ESCOLMA

 

Leonardo e os fontaneiros

Galaxia, 192 páxinas, 12,20 €

Nunha síntese modesta a propia autora, que quería moito este libro,  referíase a el como unha obra que “fai dun can da rúa o confidente dun rapaz cheo de dúbidas”. Evidentemente é moito máis. Gañador da terceira edición do premio O Barco de Vapor, publicouse en 1986 e formula unha dinámica lúdica suxerindo unha lectura, novidosa neste xénero, que non é estritamente lineal ou canónica.

 

Anagnórise

Editorial Galaxia, 128 páxinas, 11,50 €

Articulada como unha sorte de “road-movie” revélanos a personalidade conflitiva dun mozo diante dun horizonte vital marcado por un cúmulo de circunstancias negativas. O rapaz, Nicolau Arís, viaxará en auto-stop cunha muller que deixará unha pegada imborrable nel e, dalgún xeito, contribuirá a que vexa o mundo desde outros ángulos e a que redescubra –velaí a anagnórise- a súa propia identidade.

 

Guedellas de seda e liño

Editorial Galaxia, 152 páxinas, 11,70 €

Mención especial nos White Ravens no ano 2002, a crítica salientou unanimamente que esta foi unha novela marcada por unha vontade renovadora, pouco convencional  e heterodoxa. Nela salienta un xogo de contrastes simbólico que se establece entre a requintada atmosfera pacega e a mesquindade dalgúns personaxes que por alí pululan,  para reflectir, ao cabo, algunhas das dimensións da propia condición humana.

 

Elexías de luz

Xerais, 104 páxinas, 14,60 €

Revisado polo seu amigo Xavier Senín, este foi un libro de poemas que partiu de cinco cadernos conservados e que se publicou postumamente. Na súa última parte, titulada “Dous folios que foron brancos”, compílanse os poemas nos que a autora traballaba pouco antes da súa morte. Nestas Elexías, libro poliédrico e emocional, tamén  “fala o silencio / en versos luminosos / limpos e tersos”.

 

Diario da luz e a sombra

Xerais, 128 páxinas, 16, 15 €

Enferma de cancro a autora verte, desde a sinceridade e a beleza literaria, a experiencia da súa doenza sen esquecer o latexo da vida que segue e, ás veces, escintila. O seu editor, Manuel Bragado, definiuno con precisión: “texto autobiográfico escrito en condicións inclementes, mais capaz de contaxiar un optimismo sensato, de quen posúe a convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación”.

 

O amor e as palabras

Urco, 134 páxinas, 10 €

Primeiro dos “rescates” que este ano nos deparou, tamén da man de Xavier Senín. O libro compila seis relatos dispersos ata agora en diversas publicacións e un inédito, todos unidos en xeral tanto por un protagonismo xuvenil e feminino como pola súa vizosidade narrativa. Neles repárase nas cicatrices que a vida deixa mais tamén asoman nestas páxinas razóns para festexala, de mans dadas cos afectos e o amor.

 

Nosoutras

Urco, 94 páxinas,  10 €

Novos relatos que non foron escritos pensando no público máis novo e que pertencen a diferentes épocas creativas e rescatados igualmente por Xavier Senín. A proposta que lle dá título ao libro penso que é un texto moi valioso onde fala no seu nome mais tamén  no de catro escritoras de literatura para a infancia como son Palmira G. Boullosa, xa falecida, Helena Villar, Ana María Fernández e Úrsula Heinze.

 

As cinco castes

Urco, 44 páxinas,  10 €

No ámbito dos rescates dos libros inéditos cómpre apuntar este que probablemente se trate dun dos últimos que escribiu e faino de novo da man de Urco, un selo que evidenciou o seu compromiso con esta autora e a súa obra. Nunha redonda metáfora un can imaxina cinco castes simbólicas na Terra: “paxariños, bichos, animais, nós e amos”, e son os últimos os que non quedan moi ben parados neste universo tan senlleiro.

 

Mar adiante

Xerais, 88 páxinas, 10,55 €

Velaquí a primeira novela en lingua galega da autora e un dos textos fundacionais da nosa literatura infantil. Poderosas doses imaxinativas dan forma a un texto clásico do que o Consello da Cultura Galega editou arestora unha edición facsimilar con prólogo de Xesús Alonso Montero e un conto mecanoscrito titulado «Crarisca», que se coñece agora grazas á profesora Sara Alonso Pimentel.

 

A brétema

Urco, 36 páxinas,  10 €

Un texto breve que se deixa levar na súa concepción por un potente caudal imaxinativo onde a presenza da poesía se converte nun recurso recorrente. A historia que desenvolve, sinxela e entrañable, chega da man dunha avoa, Minia Senín, que precisa do agarimo dos demais na súa vida cotiá e isto chegará ao adoptar outra forma de vida, inserida na natureza, que transformará en eterna a súa presenza.

 

E haberá tirón de orellas?

Editorial Galaxia, 32 páxinas, 9 €

Coma se dunha fábula máis ou menos clásica se tratase, a autora idea unha cadela chamada Alma en quen se simboliza, no medio dun contexto rural, o ser e o sentirse diferente e ignorada, sempre en permanente soidade e instalada na incomprensión. Ao tempo sublíñase, desde o propio título, o perenne temor ás consecuencias que pode carrexar o feito de querer reaccionar e procurar camiños distintos.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: