Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega, de Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega

Laiovento, Santiago de Compostela, 128 páxinas, 15 €, 2018.

 

 

O camiño percorrido por Carlos L. Bernárdez no ámbito da investigación e divulgación do noso patrimonio artístico merece ser salientado como testemuña a súa longa traxectoria neste ámbito. A un corpus conformado por traballos de diversa orde, mais sempre orientados cara á necesaria posta ao día dos valores que encerra a arte pictórica galega engadiuse, hai algunhas datas, este ensaio que afonda dalgún xeito nesa vontade implícita de construír unha historia propia da arte galega, allea a esquemas tradicionalistas e miméticos que conciben a nosa historia da arte como subsidaria doutros modelos máis ou menos próximos e que, antes ben, salienta a súa vinculación con movementos de carácter internacional.

Identidade e universalidade, así pois, configúrase como unha compilación de ensaios que reparan, con especial detemento, tanto na nosa pintura por volta dos primeiros anos do século pasado como no rol desenlvolto por diversos xéneros pictóricos como a paisaxe, o retrato ou a natureza morta. Neste sentido é relevante a atención que se lle presta ao devandito xénero do retrato desde a chamada “Xeración Doente” ata Eugenio Granell, Maruja Mallo, Laxeiro ou Luís Seoane. Complétase o volume un achegamento suxestivo ao labor levado a cabo por figuras como Maside, Colmeiro ou Souto, comprendidos como responsables esenciais do movemento renovador da pintura galega.

Un completo e interesante apéndice fotográfico posibilita, ademais, contrastar visualmente afirmacións recollidas nos diversos ensaios dun libro que supón, ao meu ver, unha achega relevante no eido do estudos contemporáneos sobre pintura galega.