O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal

Alberto Canal

O trapecista da malla de rombos

Xerais, Vigo, 216 páxinas, 14,25 €, 2018

Alberto Canal relata a historia dun adolescente que quere converterse en trapecista na Cidade dos Muchachos

O escritor ourensán Alberto Canal nunca se poderá afirmar que resulta recorrente ou reiterativo na escolla argumental das súas novelas. Velaí como tanto nos pode facer percorrer os vimbios dunha trama inspirada na existencia de Deus, pasearnos por unha historia de amor e morte que acontece no campo de concentración nazi de Birkenau como, arestora, alén de situar na cartografía literaria de noso un espazo nunca tratado literariamente, articular unha atractiva novela de fronteira na que se ofrece un monllo de vidas cruzadas que descansan nesa utopía que foi o Circo dos Muchachos e a fundación da cidade de Benposta en Seixalbo (Ourense).

Entendo como algo acaído, e mesmo natural e lóxico, que o protagonista ideado para esta novela sexa un rapaz que esperta á vida e que se sente atraído magneticamente polo mundo do circo. Para cumprir esta función xorde Fidel, un adolescente que, alén de adoptar outro nome que sexa conforme coas súas expectativas de converterse en trapecista, traballará arreo para acadar o seu soño. Xustamente será a súa visión a que facilite asistir, coma se dalgún xeito se tratase dunha novela de aprendizaxe, á descuberta ou redescuberta daquel soño igualitario, solidario e democrático que materializou o padre Silva. O trapecista, así pois, móvese ás veces na sutil fronteira que beirea por veces o verosímil e o máxico, facendo gala do recurso ao fantástico que tantas veces se pode dar, dun xeito ou doutro, na nosa vida. Quen dubida, por outro lado, que a proposta narrativa, ao meu ver intensamente documentada, resulta operativa para pór ao día aquela realidade que foi Benposta e que sempre levou unha mensaxe política e social polo mundo enteiro. Desta maneira percórrense así os conflitos que esta viviu ao longo da súa vida a través dos ollos dun neno, aínda cargado dunha inocencia que non é incompatible coa vontade de defender aquilo no que cre con convicción e rebeldía; un neno que sabe distinguir o que son felonías e traizóns do que non o son, confiando en que a xustiza, se responde verdadeiramente ao que simboliza, debería de estar do seu lado. Este libro de Alberto Canal rescata a fe que se depositou nun proxecto fermoso e convértese nun reto resolto literariamente con efectividade e emoción. Bo é.

Foto: Alberto Canal

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de maio de 2018.