Grazas desde o Caderno da crítica

 

Foto cortesía de Paz Castro

Un blog, esa cousa hoxe un tanto antiga, alenta na virtualidade da rede e, dalgún xeito, conforma a identidade dixital de quen o administra e alimenta. Por isto é de regra que sexa el mesmo quen agradece a distinción que o Caderno da crítica obtivo onte na III Gala do Libro Galego que se celebrou no Teatro Principal de Compostela.

Agradezo asemade, a amabilidade de Fran Alonso -que me representou no discurso de entrega- e a todas as persoas que desde onte ata agora, e por diversos medios, quixeron compartir a súa alegría comigo por este galardón, alén de recoñecer a difícil tarefa do xurado que ditaminou os premios. Non esquezo tampouco estenderlle os meus parabéns aos outros candidatos que competían na categoría de “Proxecto literario na rede” e, claro é, a todas as obras e persoas finalistas ou galardoadas na tarde de onte.

Realidades como as da Gala vivifican e reactivan o libro e a cultura literaria en tempos difíciles. Diso quixen falar nun breve discurso texto que se oíu no día de onte e que deixo aquí. A miña gratitude outra vez.

Ademais das miñas desculpas por non estar presente esta noite canda vós, quero agradecerlle ao xurado esta distinción que tivo a ben outorgarme e que recibo como un estímulo para seguir traballando nun contexto como o presente onde calquera persoa percibe que, o que outrora poderían enxergarse como ameazas, hoxe son xa realidades preocupantes que procuran someternos á invisibilización e á periferia. Nesta liña, non podo obviar unha referencia solidaria e de rotunda protesta diante das transformacións que se pretenden impor a un programa radiofónico como é o “Diario Cultural” da Radio Galega porque sen o “Diario Cultural”, tal e como o entendemos hoxe, imos sentirnos máis orfos: ficaremos ao pairo sen información cultural de calidade; ficaremos orfos de literatura, de música, de cine, de lingua…, de todo aquilo que nos une e que constitúe a nosa identidade.

O Caderno da crítica naceu hai xa case dez anos coa intención de visibilizar na rede -sempre na medida das súas posibilidades pois este é un proxecto persoal- as nosas voces e a realidade literaria galega.  Por tanto, este premio dáme azos para seguir adiante, malia todo, e avanzar con optimismo pois como dicía Celso Emilio Ferreiro: sempre adiante! Grazas.

4 Comments

    1. Grazas, querida Helena, non sabes o que me alegra que vexas o premio así porque así me gusta entendelo. Non hai cousa máis preciosa que se poida dicir del. Grazas, sempre, polas túas palabras.

Os comentarios están pechados.