Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón

María Canosa

Caderno de lúas (ilustracións de Dani Padrón)

Bululú, A Coruña, 36 páxinas, 14 €, 2018

 

 

Non podía faltar no Caderno da crítica este Caderno de lúas, aínda que só fose pola coincidencia nominal, pero razóns hai, e ben poderosas, para comentar brevemente este libro de María Canosa e Dani Padrón, responsable este último dun traballo impecable e esteticamente atractivo en canto ao corpus de ilustracións.

Caderno de lúas, requintadamente editado por Bululú, articúlase, por unha banda, como unha sorte de diario a través do cal unha nena vai relatando a intención de rescatar un caderno en branco que resultará operativo para debuxar e escribir nel case como unha terapia natural diante do seu reiterado insomnio. Naturalmente, outro foco de atención é o propio caderno, no que deita os seus debuxos e reflexións arredor da lúa que se vai entretecendo co devandito diario onde tamén expón as vivencias cotiás que suxiren as súas preocupacións e o seu mundo, onde ocupa un papel especial a figura do seu avó, deseñado con especial agarimo e solvencia.

Dun ou doutro xeito, María Canosa funde neste proxecto asuntos que van singularizando a súa obra literaria como son tanto a especial sensibilidade e transparencia para espellar as relacións entre as nenas e as persoas maiores como a vontade explícita, e nada oculta, de ofrecer pequenas pílulas -sempre equilibradas e nas súas doses xustas- arredor do mundo científico, alén dos sempre necesarios golpes imaxinativos que enchoupan as súas achegas. Non esquece a autora que tamén un álbum ilustrado, esencialmente narrativo, pode acoller acaidamente a poesía, como ben se pode advertir na súa conclusión.

Un libro redondo e, ao meu ver, recomendable para todas as idades.