Vilareda, de Xosé de Cea

Xosé de Cea

Vilareda (limiar de Xosé Vázquez Pintor)

Asociación Cultural Rosalía de Castro de Barakaldo, 68 páxinas, 12 €, 2018.

 

Vilareda é unha parroquia do Concello de Palas de Rei, lindante co Concello de Monterroso. Unha parroquia que sofre ese proceso de despoboamento tan común noutros lugares do noso país e que, desde hai algún tempo, Xosé de Cea a través dun libro homónimo, pon no mapa e fai que o topónimo, a través da poesía, cobre actualidade.

Xosé de Cea, que xa publicara Presencia da Fenda (Premio Letras de Cal no ano 2000 que saíu do prelo un ano despois), alén de Solsticio de río (2010) nun libro colectivo do Concello de Outes por mor do XIV Certame de Poesía Francisco Añón,  d´O lume dos soños (baixo o pseudónimo Cibrán Ulloa e I Premio Meiga Moira de Literatura Infantil, Baía Edicións 2004) e de Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (Estaleiro Editora, 2013), constrúe en Vilareda un libro singular que cómpre non esquecer: un libro que é memoria dun espazo, memoria persoal e individual e memoria colectiva. Sinálase con palabras precisas cando se alude a que o libro é “un ouveo mestizo”. En efecto, un ouveo que se solta no silencio e cuxo son reverbera e se mantén ata hoxe; un libro que dignifica  un espazo e, por extensión, aos seus moradores e, abofé, a quen o escribe.

Dividido en tres partes, Vilareda recórdanos -aínda que escrito hai xa dez anos- o libro Auga a través, de Dores Tembrás. Neste último falábase dun asolagamento e aquí fálase dun espazo, unha lagoa, que foi cuberta de entullo hai anos e que ademais durante tempo foi o camiño polo que a maquinaria pesada se dirixía a Belesar para a construción do encoro. Hai memoria colectiva, claro é, dun lugar que, en parte, é xa non-lugar. É un libro que dialoga con moitas voces, algunhas explícitas no libro e outras que eu vexo como Berger, Novoneyra ou Celso Emilio Ferreiro por diversos motivos.

Vilareda tamén recrea o motivo do eterno retorno, onde unha voz é quen de espirse para deixar testemuño do que aconteceu nun pasado que deixou a terra erma e baleira, daquilo que aconteceu para domear as augas e convertelo todo nun “holocausto / sobre aldeas mergulladas”; ao tempo rende homenaxe ou tributo á memoria familiar, isto é, á avoa e ao avó, ao pai e á nai e tamén goza de espazo para a revelación ou contemplación final, esa “epopteia” particular onde a voz do poeta flúe directa cara adentro, sincera e ao tempo profundamente. Unha sorte poder chegar a estes poemas aos que lles desexo feliz andaina.