Bonus track, de Rosalía Fernández Rial

Rosalía Fernández Rial

Bonus track

Galaxia, Vigo, 368 páxinas,  16,50 €, 2018.

 

Ler a Rosalía Fernández Rial devolve o optimismo a e a esperanza nestes tempos convulsos que vivimos. Sei que a afirmación é, talvez, hiperbólica e tan xeneralista que podería aplicarse a outras voces mais, neste caso, o seu percorrido creativo resulta, a todas luces, sólido e singular. Coñeciamos a autora como ensaísta, destacada ensaísta sobre asuntos que se vinculan coa pedagoxía e, fundamentalmente, como poeta, onde a súa obra a converte nunha das voces máis salientables da súa promoción. Faltáballe dar o paso á narrativa e aquí está Bonus track: unha peza coa que se estrea como narradora e na que fai confluír, con inequívoca orixinalidade, palabra e música.

Esta carta de presentación de Fernández Rial segue o camiño de procurar novas vías que estimulen o xénero, difuminando as súas contornas e non dubido que supón unha estrea esperanzadora ao exhibir un “estilo propio”, algo nada doado de conseguir. Velaquí, así pois, un conxunto de vinte e dous relatos curtos que camiña ao par da suxestión semántica que encerra esa pista adicional  incluída en edicións específicas ou reedicións dun álbum ou dunha obra musical… Eis a pista adicional que, talvez, teña que idear ou atopar a propia lectora, o propio lector.

Asómase a autora, así pois, a un escenario que é o da propia vida e faino a través dunhas personaxes femininas afoutas, libres, que collen as rédeas do seu propio destino que se move case sempre entre as estremas da morte e do amor mais onde case sempre hai lugar para o que non é previsible, para o sorprendente e inesperado pois, á marxe de que un non sabe, e tampouco é relevante, se antes foi a canción ou a historia, sempre hai xiros e reviravoltas a cada páxina que fan imprevisible cada unha das historias contidas en cada un destes vinte e dous relatos que dialogan e beben da música, que dialogan e beben de moitas fontes literarias para crear unha harmonía nova coma se o teclado do ordenador fantástico fose quen de construír unha partitura con palabras.

Fernández Rial é unha escritora que abraza a interdisciplinariedade artística para construír unha totalidade onde as relacións entre as diversas manifestacións das artes creativas atopan un acobillo feliz. Aquí hai música e ritmos desemellantes, hai poesía, hai teatro, hai narrativa, hai vida neste Bonus Track  onde todo é marabillosamente mestizo, todo se mestura e vivifica, todo é estimulante e, claro que si, convida a bailar. Imprescindible.