Ring, ring…! Quen rima?, de Ana María Fernández

Ana María Fernández

Ring, ring…! Quen rima? (ilustracións de Enrique López)

Hércules de Ediciones, A Coruña, 56 páxinas, 13,50 €, 2018

 

Citei non hai moito a Ana María Fernández ao fío do comentario dun libro inédito de María Victoria Moreno titulado Nosoutras e publicado hai escasas datas onde a autora de Anagnórise apuntaba o labor de dignificación e de reivindicación dun espazo propio para unha serie de voces que traballaban no eido da literatura xuvenil e infantil en lingua galega. Voces entre as que sumaba, alén da devandita Ana María Fernández e dela mesma, outras escritoras como Helena Villar Janeiro, Úrsula Heinze e Palmira G. Boullosa.

Isto vía xa María Victoria Moreno hai moitos anos e teño a sospeita de que no caso de Ana María Fernández, posuidora dun longo e extenso currículo literario desde o ano 1977, pouco recoñecemento obtivo polo seu labor, que se me antolla moi relevante. Dun ou doutro xeito, a autora segue o seu propio camiño e publicou hai poucos días un novo libro no que ofrece un álbum infantil construído por poemas inspirados ou gobernados por dous elementos fundamentais como son, por un lado, o de ofrecer un percorrido temático que repara en realidades próximas que se insiren no ámbito do cotián mais tamén pertencentes ao ámbito da natureza; e polo outro a musicalidade da composicións que alicerzan a súa construción nun recurso clásico como é o da rima.

Velaí como obxectos do máis variado, os soños, o sol e os ventos, a lúa e a música, o tempo, as roupas e os disfraces, os territorios e espazos máis próximos mais tamén aqueles imaxinados teñen o seu lugar neste libro. Por extensión, alentan a lectura entre as persoas máis novas e promoven, ao mesmo tempo, a propia creatividade persoal.