Renacer á descuberta das palabras. María Victoria Moreno
Mercedes Queixas e Césareo Sánchez (coordinación)
Sermos Galiza, monográfico, nº 2, Santiago de Compostela, 15 €, 80 páxinas
Conclúe o mes de maio, o mes das letras galegas por excelencia, mais a presenza de publicacións que centran o seu foco de interese na figura de María Victoria Moreno aínda están, afortunadamente, moi presentes. Nesta ocasión traio ao blog unha breve referencia á aparición dun volume monográfico centrado en diversos aspectos que suscita tanto a biografía como a obra de Moreno, sen esquecer outras dimensións, en verdade relevantes, como foron o seu traballo docente ou a asunción do rol de muller escritora.
Coordinado por Mercedes Queixas e por Cesáreo Sánchez, e enriquecido con numeroso material documental e fotográfico, en ocasións inédito, está constituído por oito achegas que subscriben voces autorizadas como son Montse Pena Presas, Fina Casalderrey, Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Susana Aríns, Carme Vidal, Mercedes Queixas e Eli Ríos.
Non é, loxicamente, o obxectivo primordial desta publicación, pero gústame pensar que si axuda e de maneira determinante con argumentos dificilmente rebatíbeis, a situar diversos aspectos de María Victoria Moreno no seu xusto sitio. Diante de opinións que minusvaloraron a relevancia da súa achega á cultura e á literatura galegas, estes ensaios, redactados desde as instancias da divulgación, resultan operativos para achegarnos con solvencia ás dimensións que atesoura a súa narrativa, á poesía ou ao seu ensaio e á expresión da súa memoria persoal…, ao tempo que non se descoida a faceta biográfica, que tanto axuda a entender o seu herdo literario.
Un volume que convida a ler, ou reler, á luz de diversas interpretacións, a obra literaria da autora de Elexías de luz, máis alá deste mes de maio, máis alá deste ano que andamos.