Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Á deriva, de Henrique Dacosta

Henrique Dacosta

Á deriva

Belagua, Vigo, 85 páxinas, 15 €, 2018

 

Resulta dilatado o percorrido creativo do escritor e profesor ferrolán Henrique Dacosta, a cuxa traxectoria vén engadirse estes días un novo libro de relatos baixo o título de Á deriva.

Entendo esta achega como unha excepcional ocasión que o autor nos brinda para achegarnos a algúns dos asuntos que van construíndo aos poucos a súa achega narrativa gobernada, ao meu ver, por varias liñas axiais como como son a memoria e a historia como fonte inesgotable de argumentos, a atención recorrente que lle presta a ese fino gume que separa o real do fantástico e mais a reivindicación do territorio ou espazo vivencial do autor: ese Ferrol como motivo literario, que vai máis alá de constituírse simplemente como un pano de fondo reflectido na toponimia e talasonimia, ao que sempre volve e que alimenta ficcionalmente unha e outra para situarse á mantenta no ronsel de voces como as de Xaime Quintanilla, Xohana Torres, Carvalho Calero, Araguas, Constela, Llorca ou Ramón Loureiro, por só citar algúns nomes.

Por outro lado, esta entrega articúlase a xeito de compilación de  relatos que exhiben de maneira natural elementos que os anoan entre si como son a  riqueza lingüística que os domina, a versátil adecuación da voz narrativa á tonalidade de cada un deles e a heteroxeneidade temática de maneira que viaxamos desde o aínda sorprendente accidente do Discoverer Enterprise que se incrusta  na ponte das Pías cunha chiscadela a Saramago ata a teimuda chamada do mar que senten algunhas persoas como Berlamino, atraído fatalmente por un singular leviatán que se nos revela como un robalo enorme; desde as vivencias dun torreiro  namorado dunha serea ata un peculiar conto de Reis onde o contrapunto da morte señorea o relato; desde a arrepiante historia do fusilamento de Amada García no castelo ferrolán de San Filipe  nos tempos da guerra civil ata a recreación dun tema moi querido polo autor como é a figura de Isabel de Barreto, almiranta dos Mares do Sur, encarnada nunha trasneta súa que sofre un singular e fantástico proceso de metamorfose.

Dun ou doutro xeito na práctica totalidade dos relatos Dacosta  non esquece recrear a presenza do mar -esa “sempiterna tautoloxía” nas súas palabras- e de figuras, dalgún xeito, tocadas polo fado do abatemento: personaxes desherdadas que resisten e se rescatan da desmemoria porque hai quen as pense e as evoque para nós.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 1 de xuño de 2018.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: