Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Lapis na noite

Dous anos despois d´O espello do mundo chega ás librarías esta semana vindeira, concretamente o 7 de xuño, Lapis na noite, novela igualmente publicada por Xerais, editorial á que reitero a miña gratitude, en especial a Manuel Bragado e Fran Alonso, por acoller con xenerosidade esta nova proposta.

A cuberta é unha fotografía que reflicte un ángulo do Monumento ás Vítimas do Terrorismo de Estado, situado no Parque da Memoria de Buenos Aires, que incorpora os nomes das persoas desaparecidas e asasinadas durante os anos setenta e comezos dos oitenta.

 

Lapis na noite bebe no pozo da memoria de Galicia e Arxentina para percorrer épocas convulsas en que as ditaduras aniquilan as ilusións de liberdade, aquén e alén do océano. Achégase ás vivencias do exilio, revela as descubertas que supón o descoñecido e afonda no esgazamento interior que xera mergullarse nunha nova identidade. Ao tempo, focaliza a atención nas vidas e familias truncadas polo franquismo e, sobre todo, naquelas que protagonizou unha mocidade combativa e esperanzada que, por acreditar nun mundo mellor, caeu nas gadoupas da maquinaria represiva da ditadura cívico-militar arxentina (1976-1983). Porque a memoria do que os lapis escribiron nunha noite indigna segue viva e aínda nos ilumina, é este un libro que quere pasar a man por algunhas das cicatrices máis recentes dunha historia pola que circulan numerosos ríos subterráneos que, ao saíren á superficie, amosan un caudal conformado por pequenos e grandes exemplos de heroísmo, amor e resistencia.

 

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 3 Xuño 2018 por en Divulgación,Literatura galega,Novidades editoriais , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: