Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O morto asasinado e outros contos, de María do Carme Kruckenberg

María do Carme Kruckenberg

O morto asasinado e outros contos (edición e introdución de Mercedes Queixas)

Galaxia, Vigo, 60 páxinas, 14 €, 2018

 

Un día coma hoxe,  dez anos antes de que se incrustasen as primeiras balas, tras a lectura do bando do exército sublevado, no edificio da Porta do Sol que mira a rúa Carral en Vigo,  nacía nesta cidade María do Carme Kruckenberg e hai xa pouco máis de tres que faleceu. Calquera data é boa para evocar a súa figura e a súa obra mais talvez hoxe a efémeride do seu aniversario convirta en necesidade dar conta dunha publicación que xa leva algúns meses circulando como é este volume, requintadamente editado e que, todo hai que dicilo, chega da man da profesora e investigadora Mercedes Queixas: responsable nos últimos anos de traballos insubstituíbles a prol da divulgación da figura de Kruckenberg.

Gústame ver este libro como unha continuación, que o é, da voz da narradora e da poeta, mais tamén como unha verdadeira revisión da súa propia vida, aquela máis íntima e aqueloutra literaria, tantas veces entretecida. Non é mal exercicio lelo á luz da biografía de Queixas sobre a autora pois desde esa lectura agroman ríos que son quen de unir aspectos, reitero, vitais e literarios pois aquí poden ir rastrexándose trazos que a caracterizaron como a súa constante pàixón pola música, a súa inesgotable curiosidade, a concepción da viaxe como descuberta, o respecto pola natureza ou a importancia que sempre lle concedeu á amizade. Con todo, faise de regra deixar constancia da orixe destes textos narrativos breves que remiten ao período que vai entre 1998 e 2012, cando a autora foi publicando, en edición non venal, unha serie de opúsculos co obxectivo de agasallalos ás amizades. As devanditas publicacións, por outro lado, concibíanse como un todo interartístico pois incluían ilustracións de Eva Lloréns, Mercedes Lence, Gonzalo Suárez, Antón Goyanes ou da propia autora.

Alén deses contos, o traballo de Queixas posibilitou incorporar outros sete relatos que completan unha publicación, ao meu ver, enriquecedora e que deixa ao manifesto como aquelas experiencias vitais a xogaren coa ficción, se converten en poderosa materia narrativa á que se lle dá forma cun indiscutible talento literario. Os espazos, as tramas relatadas poida que se ancorasen na memoria da autora con forza e aos poucos afloraron  nestes relatos, gobernados por unha alta sensibilidade e habelencia compostiva. Unha fortuna, ao meu ver, dispor hoxe deste libro que nos achega unha voz que, en realidade, nunca se foi.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: