Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A obra, de Bruno Sperani

Bruno Sperani

A obra (tradución de Isabel Soto)

Hugin  e Munin, Compostela, 176 páxinas, 14,50 €, 2017.

 

Interesante e suxestivo o rescate que leva a cabo Hugin e Munin desta peza narrativa que chega da man dunha escritora italiana do século XIX que, como tantas outras no seu momento, tiñan que agochar a súa condición de muller escritora baixo o pseudónimo literario de Bruno Sperani.  Beatrice Speraz, tal era o seu verdadeiro nome, nacera en Solin (Croacia), probablemente en 1843. Orfa a unha idade moi temperá, sufriu grandes dificultades de todo tipo e alternou o xornalismo e a escrita como medio para gañar a vida en Milán, cidade na que viviu desde 1876 ata a súa morte en 1923. Tradutora ao italiano de diferentes obras de Andersen ou Zola e autora dunha obra novelistíca gabada no seu tempo, tamén caeu no esquecemento e no ostracismo.

A obra, en espléndida tradución de Isabel Soto, céntrase basicamente na construción dun establecemento industrial en Milán  nun momento de intensa transformación do súa estrutura urbana e resulta curiosa e significativa a metáfora que se tece no sentido de que esa contrución emprega materiais que se extraen do seo da  propia cidade, do seu casco antigo: un modelo simbólico de verdadeiro “canibalismo urbano” orientado á perda da historia e á perda da propia memoria.

Sperani foi unha autora que se caracterizou pola defensa das ideas socialistas e do dereito ao voto feminino, da necesidade da instrución e mais da paridade salarial entre homes e mulleres con especial atención á importancia que posuían as accións de protesta do proletariado para acadar os seus obxectivos dunha vida digna en contraposición ao poder das oligarquías, que actuaban con recorrente crueldade contra os máis desfavorecidos. A figura de de Luisina Terragni, talvez até certo punto un alter-ego da autora, é un modelo da constante superación dos seus males que a leva a loitar arreo ata o último extremo, mentres introduce outro vector temático como é a condición salvífica que terá o establecemento dunha relación sentimental cun obreiro chamado Francesco Bitossi.

As pasaxes dos desaloxos, sobre todo  aquelas nas que incide na desgraza que supón vivir en Milán no século XIX e non ter recursos fai pensar, quen o dubida, no que pasa hoxe en día. Como se nada aprendésemos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: