Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Lupe Gómez

Lupe Gómez

1.– Principal trazo do seu carácter?

– Son moi constante. Teño gran capacidade de concentración. Nunca abandono as palabras. As palabras nunca me abandonan a min. Busco sempre o Silencio, os lugares apracibles. Sempre estou inspirada. A inspiración dorme todas as noites no tellado da miña casa.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– A lealdade. Aprecio moito que as persaos sexa de lei, verdadeiras como o pan feito no forno da casa. Sen máscaras nin trampas. Auga clara correndo polos regatos. Creo que así é máis fácil entendernos uns cos outros, e crear vínculos duradoiros.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Que sexan fieis e que me comprendan aínda que eu ás veces desapareza ou non teña gana de rir, bailar, facer vida social. Gústame enviar os meus escritos aos amigos-as, e que eles-as me lean con esa paixón compartida, ese impulso e esa euforia que sempre nos mantén unidos e nos fai voar, escapar…

4.– A súa principal eiva?

– Recoñezo que son bastante vulnerable, esixente comigo mesmo, coa escrita, e tamén coas persoas que me rodean e me queren. A miña familia, os meus amigos xa o saben, e non mo teñen en conta. Tento ser máis flexible, comprender todas as imperfeccións, aceptar a vida tal como é, quererme a min mesma e deixar que o vento se exprese á súa maneira, coa liberdade oculta da condición humana.

5.– A súa ocupación favorita?

– Escribir cartas con todo o sentimento do mundo. Pousar os meus segredos poéticos nun papel branco ou de cores infinitas. Envolver esa carta en papel de agasallo. Escribir enderezos en sobres. Pegar os selos coma se fosen bicos de mel. Ir a Correos na miña bicicleta azul, viaxar así polo mundo, como unha ave chea de sorpresas.

6.– O seu ideal de felicidade?

– Escribir, e recibir moitas cartas. Recuperar ese costume tan grandioso, tan excelso, tan bonito. O xénero epistolar é o meu preferido. Teño moitas ganas de publicar o meu novo epistolario na editorial Alvarellos. Normalmente saen publicados os epistolarios das persoas mortas, pero eu aínda estou viva e teño sangue, tinta, emocións abertas para compartir…

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

Non poder viaxar no coche de liña á miña aldea Fisteus. Ter que pechar para sempre a nosa casa familiar, o noso niño de música. Non poder visitar aos meus pais mortos nos seus panteóns. Non poder regalarlle palabras fermosas a ese mundo que tanta electricidade me transmite e que me fai ser tal como son.

8.– Que lle gustaría ser?

Cando estudaba o Bacharelato na cidade da Coruña, no instituto Zalaeta lía, case ás escondidas, o libro Un millón de vacas de Manuel Rivas. Soñaba, e sigo soñando, con chegar a ser escritora e periodista. Quería chegar a formar parte dese “mundo” no que consideraba a Rivas como mestre. Agora el é mestre e tamén moi amigo meu. Sigo tendo quince anos e con ganas de aprender…

9.– En que país desexaría vivir?

– Levo case vinte anos vivindo na Rúa Basquiños de Santiago. Toda unha vida. Nese tempo escribín uns vinte libros. Eu quero seguir vivindo aquí outros vinte anos, pois formo parte deste mapa e teño unha casa con horta, na que me sinto profundamente arraigada.

10.– A súa cor favorita?

– A cor azul. Para min os días, todos os días, son de cor azul.

11. – A flor que máis lle gusta?

– A camelia, porque é guerrilleira e ao mesmo tempo moi delicada. Teño un camelio na miña horta, e as camelias están comigo desde o mes de decembro ata o seguinte mes de marzo. Elas non o saben pero forman parte das miñas pinturas, das miñas caligrafías.

12.– O paxaro que prefire?

– Gústanme os merlos. Adoro os carrizos, os paxaros pequenos. Canto máis pequeniños son, máis me gustan. Sempre debuxo paxaros. Resúltame fácil falar con eles, entender o seu idioma. Desde pequena, escoitei o cuco ao lonxe, e iso fíxome soñar, imaxinar, pois é un paxaro furtivo, misterioso. Sempre escondido e camuflado. Nunca cheguei a velo. Gustaríame xogar con el…

13.– A súa devoción na prosa?

– Estou fascinada coa lectura da Biblia, coa súa literatura tan limpa, nítida, terrible, fantasiosa, brillante. O Antigo Testamento é apaixonante. Sinto especial devoción polas Cartas de San Pablo, polo libro da Xénese, pola Apocalipse… Son lectora litúrxica da Catedral de Santiago. Disfruto moitísimo dándolle, coa miña voz, un toque moi poético ás Escrituras Sagradas. É como entrar “noutra dimensión”. Para min é un grande privilexio, unha aventura.

14.– E na poesía?

– Hai dous libros que son como pedras contundentes nun río de alegría, paciencia e compromiso. Do Courel a Compostela de Uxío Novoneyra e Cantares gallegos de Rosalía. Por algunha razón misteriosa, viaxan xuntos comigo. Van entrelazados e inauguran sempre un combate, unha beleza estraña, un lazo moi íntimo.

15.Un libro?

Dos soños teimosos de Novoneyra, no que el responde ás preguntas lúcidas de Emilio Araúxo. Esas conversas son como un manifesto poético que teño sempre moi presente na miña vida e no meu pensamento. Sei ese libro todo de memoria. Lino moitas veces e téñoo moi interiorizado.

16.– Un heroe de ficción?

Na miña memoria creativa, o meu avó Antonio cando morreu, pasou a outra vida de ficción e converteuse no meu heroe. Un modelo que nunca olvidarei. El desapareceu cando eu tiña 11 anos. Eramos moi amigos e ás agachadas dabame cervexa pra beber. Chamáballe “padriño”. Xuntos, coidabamos vacas nas chousas.

17.– Unha heroína?

– Heidi. Era simplemente un debuxo animado co que eu me sentía fortemente identificada cando era nena da montaña, e sempre me facía rir e chorar. Vela na televisión era como comer terra mollada.

18.– A súa música favorita?

– Desde hai uns catro ou cinco anos, toda a miña obra literaria nace, resoa e pace na música do meu queridísimo amigo Amancio Prada. Para min é un grandísimo amor, un encantamento de auga verde, fresca, nova. Escoito os seus cantares todas as noites e déixome levar… Agora teño entre mans un novo poemario, titulado No encanto do aire. Foi escrito todo el na catedral, inspirándome no concerto que alí celebrou Amancio Prada o pasado mes de outubro.

19.– Na pintura?

– Gústame moito a pintura de Antón Lamazares. Puiden coñecelo e gozar da súa fala labrega, da súa elegancia, do seu estado salvaxe e da súa poesía. Gústanme Chagall, Luís Seoane, Velázquez, e moitos outros-as. Para min a caligrafía é unha forma de pintura, moi básica, moi rudimentaria, moi simple pero tamén un grandísimo luxo ao alcance das nosas mans, un acto físico de amor insubornable.

20.– Un heroe ou heroína na vida real?

A miña tía Lucita. Está en cadeira de rodas desde os 18 anos. Ten agora 8o anos e segue saboreando a vida como se fose unha canción de rosas. Nunca dimite. Sempre ten sorrisos e leccións de vida. Escribiu agora as súas impresionantes Memorias. Un libro titulado Nubes Bordadas. É unha muller moi intelixente. Foi a mestra das miñas primeiras letras. Sabia costureira de afectos moi fondos.

21.– O seu nome favorito?

– Loaira. Era un nome que formaba parte da poesía de Novoneyra. Sempre me gustou a súa sonoridade. Paréceme un nome moi soñador, moi feminino, moi elegante.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– Son unha persoa de poucas falas, poucas palabras. Exprésome máis con silencios, xestos. Por iso, non soporto a charlatanería, a palabrería, o falar por falar, a verborrea. Creo que a xente, os políticos, os curas, os periodistas, as mulleres, os yootubers, todo o mundo fala demasiado. É como se as palabras se precipitasen moitísimo e perdesen o seu significado orixinal, o seu peso, a súa importancia, o seu valor.

23.– O que máis odia?

– O grandísimo ruído da sociedade na que vivimos. Ás veces resulta totalmente imposible parar e reflexionar. Molesta nos oídos e fai dano no corazón.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Non desprezo a ninguén. Imaxino que todas as figuras históricas son necesarias, pois asi é como se vai formando, pouquiño a pouco, o puzzle incompleto da inxustiza, dos desencontros, das guerras. Desprezo aos que asoballan, aos que se corrompen, aos que rouban, aos que fan que este mundo non sexa unha limpa guitarra.

25.– Un feito militar que admire?

– Non teño eu moita cultura “militar”. Non sabería dicirche. Admiro a arte, os inventos, a cultura popular, pero os feitos militares non forman parte do meu imaxinario. Admiro as mulleres galegas que desde sempre, traballaron arreo para que a Historia non fose un barco morto na praia.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

O don da risa. A retranca. A inocencia infantil. A capacidade para ver e sentir todos os fios absurdos que moven a vida. A subversión da linguaxe.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

Tranquiliña. Caladiña. Escribindo poesía surrealista para comprender e abrazar, abarcar a miña propia morte.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

Síntome sempre moi chea de vida, con moita enerxía, e en boa forma física. Cando camiño, síntome animada, contenta. Olvido todas as penas, as desgrazas, os sustos dramáticos dos telexornais.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Creo que son moi indulxente, moi comprensiva. A compaixón é unha tenrura que eu aprendín desde sempre mirándome nos ollos das vacas. Eses animais son como as miñas deusas, as miñas mestras budistas.

30.– Un lema na súa vida?

– Sempre hai versos para escribir. O novo día sempre nos vai traer palabras novas.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 7 Xuño 2018 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: