Toponimia de Pontedeva, de Carlos Méndez Míguez

Carlos Méndez Míguez

Toponimia de Pontedeva (limiar de Luís Pérez Rodríguez)

Toxosoutos, Noia, 131 páxinas, 14 €, 2018.

 

Carlos Méndez vai avanzando, con paso firme, nese obxectivo que se impuxo desde hai algún tempo e que se concentra en darlle voz aos nomes dos lugares dun espazo concreto de Ourense. Convida así a que se volvan a dicir en voz alta a través dos seus traballos, o que supón non perdelos. Méndez investiga neles, procura e atopa explicacións á súa presenza, describe territorios e, por extensión, fai pensar nas persoas que viviron e viven neles.

E resulta a todas luces encomiable levar a cabo un proxecto como este que responde a unha vontade persoal, a un esforzo ao meu ver único e senlleiro. Deste xeito,  tras Toponimia de RamirásToponimia da Bola (este en colaboración con Antonio González Fernández) e Toponimia de Gomesendechega agora este Toponimia de Pontedeva que, como os anteriores, contén os trazos que singularizan o seu traballo que bebe das fontes da documentación e do traballo de campo: erudición que nunca está reñida coas axeitadas doses de divulgación que un libro así demanda.

Velaquí, así pois, unha análise polo miúdo da toponimia maior, que repara sobre todo en San Breixo de Pontedeva e en San Paio de Trado, alén da clasificación dos topónimos maiores e menores, con propostas etimolóxicas razoadas que axudan a actualizar, con tino, un feixe de datos históricos, culturais, artísticos, poboacionais ou sociolóxicos, dun territorio que, como sinala González Carbajales, alcalde do Concello, loita “contra o cancro do despoboamento”.

Parabéns, outra volta, a Carlos Méndez. Libros así reconstrúen a memoria e axudan a coñecernos mellor. Non é pouco.