Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos, de Xohana Torres

Xohana Torres

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos (fotografías de Xulio Gil)

Engaiolarte, Vigo, 132 páxinas, 30 €, 2017.

 

Hai corenta e seis anos Xohana Torres gañara o Premio de Etnografía Federico Maciñeira, que convocara a Deputación da Coruña. O texto nunca puido ver a luz ata hai uns meses cando a devandita institución apoiou o seu rescate e a súa publicación nunha requintada edición a cargo do selo Engaiolarte e que incorpora un magnífico corpus fotográfico a cargo de Xulio Gil, con senllos limiares subscritos por Xosé F. Puga e Goretti Sanmartín.

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos, así pois, alén dese valor inherente que supón a recuperación dunha obra  de Xohana Torres, cómpre entendelo como unha achega de carácter etnográfica moi valiosa. Articúlase, daquela, a través de dous eixes que son, por un lado, unha descrición xeográfico-antropolóxica da comarca ortigueiresa e, polo outro, un estudo ao que propiamente representan os mitos e o ritos, onde a autora se debruza na romaxe, nos ritos comúns a outros santuarios galegos, nos milladoiros, nas lendas ou nas diversas, e célebres, figuras de pan sen levedar e o seu significado.

Dun ou doutro xeito dá xenio ler a prosa divulgativa e altamente documentada de Xohana Torres que encerra neste volume onde aproveita calquera fírgoa, por pequena sexa, para abrir aquí e acolá posibilidades de incorporar elementos comparados con outras culturas e tradicións, e de onde precisamente se tira a idea da singularidade de Teixido. Neste libro segue a advertirse o pulso poderoso e intenso que domina o seu estilo, tamén esa visión comprensiva e global desde a que anoa referencias e detalles pouco divulgados conseguindo establecer unha interpretación etnográfica e cultural dun mito que nos singulariza e que, por extensión, convida a visitalo, ou volver visitalo, para sentilo de maneira diferente.

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: