Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne (texto adaptado)

Jules Verne

20.000 leguas baixo dos mares (adaptación da Asociación Juan XXIII) (ilustracións Miguel Rocha)

Galaxia, Vigo, 148 páxinas, 12,50 €, 2018.

Aplaudo esta iniciativa, creo que novidosa entre nós, consistente na publicación dunha versión do clásico 20.000 leguas baixo dos mares de Jules Verne nunha edición adaptada que levou a cabo a Asociación Juan  XXIII, coordinada polo pedagogo Diego Chapela e validada polo Club de Lectura da devandita Asociación, e que estrea unha serie na Editorial Galaxia baixo a epígrafe de “Lectura fácil”.
     As persoas que nos dedicamos á docencia sabemos das dificultades que moito do noso alumnado presenta para conseguir realizar unha lectura comprensiva dun breve texto e xa non digamos o oito mil que pode supor a lectura dunha novela. Neste sentido, esta versión adaptada creo que pode cumprir unha función operativa e útil para as persoas con dificultades para ler, e tamén para ler en galego, por un proceso de alfabetización deficiente ou por dificultades doutra orde.
     Fontes editoriais sinalan que con esta publicación, e outros libros que han chegar, persegue defenderse “o dereito das persoas ao acceso á información e á cultura en galego independentemente da súa situación, e como ferramenta de empoderamento para aquelas que teñen algún tipo de diversidade funcional”. Importante é, ao meu ver, esta afirmación pois con este espírito cóbrese un oco existente na demanda deste tipo de libros na nosa lingua. Estendo aquí os meus parabéns á editorial por abrazar esta iniciativa de inequívoco valor pedagóxico instalada na promoción da literatura e da lectura.
Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: