Animalia 1. Verde, de Xosé Tomás

Xosé Tomás

Animalia 1. Verde

Xerais, Vigo, 56 páxinas, 12 €, 2018

Dálle forma Xosé Tomás a un proxecto, o primeiro dunha serie, que baixo o título de Animalia ofrece unha brillante conxunción entre o universo da ilustración -no que o autor é un absoluto referente- e unha singular proposta narrativa que persegue, sen abandonar o sorriso na lectura, promover a reflexión sobre as nosas actitudes e comportamentos desde o espello posible que repousa na percepción que nós temos dos propios animais.

En Animalia articúlanse, así pois, un monllo de historias conclusivas co propósito de avanzar nesa descrición particular que se establece por unha inevitable práctica comparativa. Velaí as respostas a como actuamos “cando temos medo, fame, ou necesidade de protección”; velaí animais que reflicten valores como a paciencia, o enxeño e a habilidade ou defectos como a soberbia, a hipocrisía ou o narcisismo, case sempre alimentados por un tratamento irónico, raiano co humorismo e que converte este libro nunha lectura realmente divertida e que, por outro lado, manexa moi conscientemente a necesidade de completar o sentido final de certas historias e a simboloxía cultural que, descoñecida ou non para quen se achegue a este libro, suxire e configura o activismo e a participación na súa recepción.

A través de camaleóns daltónicos, de ocorrentes situacións que nos falan contos de lobos subvertidos onde os seres humanos somos os que infundimos medo ou de disfraces inesperados, Xosé Tomás manexa os ritmos con mestría e en moitas ocasións sorprende con ángulos e conclusións nunca imaxinadas. Agardamos, expectantes, a segunda entrega.