Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Como aprendín a ler, de Agnès Desarthe

Agnès Desarthe

Como aprendín a ler (tradución de Moisés R. Barcia)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 126 páxinas, 17 €

 

Agnès Desarthe relata neste libro unha experiencia propia: aquela que parte dun acto de resistencia feroz fronte á literatura ata que na universidade atopa un libro adecuado que espertará e activará ese interese para sempre.

 

Permítome reproducir unha afirmación conclusiva que se incorpora no parágrafo final deste libro da ensaísta, tradutora e novelista Agnès Desarthe, vertido ao galego por Moisés R. Barcia, pois dalgún xeito orienta sobre a filosofía destas páxinas redactadas a cabalo entre o memorialismo e o ensaio: o oficio de escribir que co paso dos anos a escritora francesa abrazou permitiulle acceder «por fin e de novo, á lectura», isto é, non foi o exercicio da lectura o que a conduciu á escritura, antes ben ao revés.

En efecto, Como aprendín a ler estrutúrase como unha viaxe de carácter autobiográfico, se se quere un texto de autoficción tamén, na que se bota unha ollada atrás que conduce a explorar ese territorio para o que non existe ningún tipo de formulación xeneralista ou máxica que explique as razóns que inflúen para que chegue ese momento en que a lectura se converte en algo esencial na vida, algo máis ca un hábito loxicamente, ao que se chega ás veces tras avanzar por un labirinto en aparencia inextricable e, ao tempo, sempre distinto en cada persoa. Desarthe, claro é, conta a súa propia experiencia: aquela que parte dun acto de resistencia feroz ata que na universidade atopa un libro adecuado que espertará e activará ese interese para sempre.

O contexto, se se quere a atmosfera, que rodea á súa propia experiencia pode resultar suxestiva para calquera e a isto axuda tamén certa tonalidade desmitificadora e mesmo desacralizadora coa que imprega o seu discurso, sen esquecer nin o atinado recurso ao humorismo nin tampouco a presenza de preguntas sen resposta inmediata coas que se persegue establecer un diálogo coa persoa que le o seu libro.

A autora, a meu ver, conclúe que a lectura supón un camiño persoal e intransferible ao que cómpre chegar por un mesmo e con convicción. A lectura nunca é aborrecida, malia que si poida haber libros que o sexan: o desacougo ou a plenitude que un libro ofrece están aí para revelarse. Pennac ou Mikita Brottman xa escribiron nesa liña mais Desarthe interioriza ou personaliza este camiño particular, ateigado, claro é, de referencias literarias que sabe conxugar cun discurso moi persoal onde cobra radical relevancia tanto a reflexión sobre a propia lingua como as orixes familiares. Igualmente atractivas resultan, por exemplo, as pasaxes que incorpora sobre a creación persoal e tradución que, para ela, foron as responsables de volver a ollada á lectura. Bo é sempre ter acceso a estes libros que reflexionan sobre rexeitamentos e paixóns e se se centran na lectura coido que son semente moi valiosa.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 22 de xuño de 2018.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: