Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Xabier e a irmandade

Xabier P. Docampo non empregaba fórmulas protocolarias ao uso nos seus escritos persoais. Case sempre engadía o termo «irmao», escrito así, dialectalmente, e un non podía deixar de se sentir membro dunhas novas e marabillosas Irmandades da Fala. Veume isto á cabeza cando teño que escribir sobre o seu legado literario, que é moito, xeneroso e brillante.

Acreditaba Xabier nos valores que carrexa o concepto de «irmandade» entre as persoas próximas, claro é, mais estou certo que tamén o extrapolaba aos territorios onde se desen factores de confluencia no persoal, no ideolóxico, no laboral e no literario. E disto debo falar aquí, quer dicir, dese herdo «de irmandade» literaria que nos deixa Xabier constituído por un longo currículo de obras de literatura infantil e xuvenil e dúas propostas -sólidas e vizosas- para un público adulto como foron O libro das viaxes imaxinarias e A nena do abrigo de astracán. Unhas e outras danse a man nun contínuum sempre gozoso porque cada libro seu era sempre unha festa e un acto de amor. Todo o que fixo irmandouse mais non só por vir da mesma man senón porque a todo que creou lle aplicou as máximas de esixencia, de perfección formal, orixinalidade e esforzo. Por todo iso, até sempre «irmao», e grazas.

 

Este texto publicouse hoxe, 27 de xuño de 2018, nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 27 Xuño 2018 por en La Voz de Galicia,Literatura galega,Obituario .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: