Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Ánxela Gracián

Ánxela Gracián

1.– Principal trazo do seu carácter?

-Respecto polas opinións distintas á miña, sempre que non soen a imposición e a dogma, creo que son mesmo demasiado tolerante, polo que me din, aínda que eu non son moi consciente diso, en realidade, só reproduzo o que vivín na casa dende sempre, os meus son así. Ademais, creo que nunca se é demasiado tolerante.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-Gústame a xente natural, a que está contenta consigo mesma e se amosa ao mundo tal como é, sen imposturas nin máscaras.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Compartir momentos inesquecibles, e se non é moito pedir, que estean aí cando se necesitan, tamén que non abusen do sentimento de cariño que sentes por eles no seu beneficio, aínda que iso as amizades miñas non o fan.

4.– A súa principal eiva?

-Miro demasiado o mundo a través dos meus ollos e non me poño na pel dos demais, moitas veces non son consciente do que poden estar sentindo nin querendo.

5.– A súa ocupación favorita?

-Ler, aínda que non teño unha soa, porque tamén me gusta moito viaxar, camiñar, andar en bicicleta, correr, nadar; creo que poderían resumirse nas palabras que puxo a escritora Marguerite Yourcenar en boca do emperador Hadrián: “exercitar o espírito e o corpo”.

6.– O seu ideal de felicidade?

-Xa renunciei a ese estado ideal de felicidade; creo que iso é algo que nos veu imposto, creado pola publicidade e os medios de comunicación, quen sabe con que intención, eu, persoalmente, atopo felicidade desas rutinas que fago día a día porque quero e me gustan e tamén moita felicidade en estar coas persoas que quero sen facer nada especial. Tamén me gusta volver a esa felicidade da infancia de cando en cando, cando non había preocupacións e todo era descuberta e fascinación.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Estar soa encerrada nunha torre sen libros que ler, nin ter ninguén con quen falar. Non o soportaría, tolearía coa angustia e coa ansiedade de “non ter nada que facer”, por iso admiro tanto os budistas e os monxes entregados á meditación.

8.– Que lle gustaría ser?

-Escritora.

9.– En que país desexaría vivir?

-Neste noroeste noso de brétemas e chuvias miúdas chamadas orballo, iso si, que fósemos mellorando moitas cousas, económica e mentalmente. Tamén admiro moito a Francia, de ter que exiliarme, gustaríame facelo en París.

10.– A súa cor favorita?

-O azul, vin por primeira vez o mar en Vigo, na praia de Samil, debía ter uns cinco ou seis anos, era un día luminoso de verán e quedei hinoptizada, ese azul brillante e atlántico é a cor na que quero quedar instalada.

11. – A flor que máis lle gusta?

-Pois non lle sabería dicir, gústanme moito as flores, todas sen excepción, pero se teño que escoller, quedo con esas prímulas e narcisos que nacen silvestres e humildes nas beiras do noso río Chamoso, anunciando a primavera.

12.– O paxaro que prefire?

-Ui, ponmo difícil, porque eu son ornítologa vocacional, ou mellor, teño amigos/as biólogos cos que teño ido moitas veces ver paxaros e deternos nos detalles das súas características: plumaxe, voo, canto, hábitat… Foi unha das etapas máis fermosas da miña vida. Vénme á memoria un paxaro que me gusta moito, chámase “camachuelo común”, é un paxaro pouco gregario que abunda moito nas nosas carballeiras, aínda que pola plumaxe pareza exótico, pois o macho en pleno cortexo nupcial é moi vermello. Tamén lle teño querencia porque unha lámina de camachuelo común, debuxada con moita pericia polo meu amigo Xoán Carlos Laxe González, o responsable da miña paixón pola ornitoloxía, adornou os meus cuarto naqueles pisos de estudiante tan feos nos que viviamos.

13.– A súa devoción na prosa?

-Moitas, imposible precisar, a primeira que se me vén á mente é Marguerite Yourcenar, pero as devocións neste xénero son infinitas.

14.– E na poesía?

-Igual que o anterior, neste momento estou a reler á gran Wislawa Symborska, pero son devota lectora de poesía, clásicos, contemporáneos, e non son capaz de escoller.

15.- Un libro?

-Buff, que difícil, se só podo escoller un, quedo con Memoires d´Hadrien de Marguerite Yourcenar, porque entrou en min como un credo cando o esmiucei tanto, ao estalo a traducir ao galego, pero son moitos, moitísimos os libros que me deron tanto.

16.– Un heroe de ficción?

-Corto Maltés, polo seu sentido romántico da vida e a súa aposta pola xustiza e as causas perdidas. Encarnou tanto o heroe que precisaban no maio do 68 francés, que a partir dese momento, a pesar da súa nacionalidade italiana, Francia fíxoo seu.

17.– Unha heroína?

-Non me vén ningunha á memoria, na ficción; na vida real moitas, escollería calquera muller que reivindique e loite polo dereito a ser, pensar e vivir en por si no mesmo nivel de dereitos e obrigas que un home.

18.– A súa música favorita?

-Johan Sebastian Bach.

19.– Na pintura?

-Manet e o seu Déjéuner sur l´herbe.

20.– Un heroe ou heroína na vida real?

-Miña nai e miña avoa, símbolos da resistencia do pobo.

21.– O seu nome favorito?

-Sara, eses dous as tan xuntos parece que enchen a boca de luz cando se pronuncia, pero calquera nome con as me gusta.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– Que a xente ande con trapalladas. Gústame a xente que cala o que non quere dicir ou que o di dun modo sutil, pero a que inventa andrómenas sobre si ou sobre os outros, e sobre todo, a que o fai para manipular, dáme denteira, que dicimos en Castroverde cando mordemos unha mazá que non madurou de todo e nos aceda a boca.

23.– O que máis odia?

O mesmo que o que dixen na pregunta anterior, creo que os que traballamos coa ficción, vivimos instalados nela e temos tendencia a crelo todo, porque, en realidade, no código da ficción todo é posible, pero na vida real hai outras lóxicas, e cando as aplicas, dáste conta da falta de verosimilitude de determinados discursos e argumentos, por iso é o que máis me molesta é que me veñan con andrómenas ou me conten cousas que non son, sobre todo se me afectan, me doen ou me condicionan.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Hai unha soa? Desgrazadamente non: Adolf Hitler (21 millóns de vítimas); Joseph Stalin (4 millóns de vítimas), Francisco Paulino Hermenegildo, máis coñecido como Francisco Franco (200.000 vítimas); Mussolini; Augusto Pinochet; Videla; Milosevic; e uns cantos máis en Asia e África que someten o pobo igual ca estes, nomes que agora mesmo non lembro porque non están tanto en todas partes, porque a historia tamén a escriben os do centro e non os da periferia. Desprezo todos eses que levan a palabra “tirano”, fanático, imperialista e megalómano, a tríada perfecta para a loucura e o sometemento do pobo (xenocidios, campos de concentración, torturas, crimes contra a humanidade…).

25.– Un feito militar que admire?

-A que máis lembro é a batalla das Termópilas, porque me gustan as palabras esdrúxulas e tamén porque para min é só unha batalla literaria que me achegou á cultura grega. Non lle sei dicir outra. Hai que admirar os feitos militares? Persoalmente, prefiro as revoltas sociais, e entre elas, escollo a das mulleres sufraxistas a comezos do século XX que saíron á rúa exixindo o dereito ao voto; tamén me conmoven a Marcha do Sal de Mahtma Gandhi; ou os disturbios de Soweto, que loitan pola igualdade social, etc. etc.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Un só? Quixera ter tantos que non teño, pintar, cantar, bailar… En fin, gustaríame ter a voz e o talento desas grandes do jazz, Ella Fitgerald, Billy Holiday, Nina Simone..

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

-Sufrindo o menos, menos posible, morrer moito antes de sufrir con intensidade, asústame a palabra “dor”. Hai unha escena do cine que me conmove, n´A gata sobre o tellado de zinc, cando o magnate sabe que vai morrer de cancro de intestino e o médico lle dá morfina e a arrebola, porque quere ser o amo da súa propia dor, sentila nas tripas, esa frase faime tremer de angustia.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-Alegre e, ás veces, algo acelerada.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Moitos, polo menos case todos os que a igrexa define como pecados capitais.

30.– Un lema na súa vida?

Varios:

A favor da paz: A valentía fai vencedores, a concordia fai invencibles. Nunca houmo unha boa guerra nin unha mala paz. Non hai un camino para a paz, a paz é o camino.

-a favor da amizade: estelas de carballo ardendo, viño para beber e amigos con quen compartilo.

-a favor da lectura: A televisión é moi educativa, porque cada vez que se acende, hai que ir para outro cuarto e ler un libro.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 29 Xuño 2018 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: