Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cartas dende o esquenzo, de Baldo Ramos

Baldo Ramos

Cartas dende o esquenzo

Galaxia, Vigo, 80 páxinas, 11,80 €

 

Baldo Ramos simboliza unha das voces máis senlleiras e intensas da poesía galega contemporánea: dono dunha traxectoria dilatada caracterízase por esa vontade de exploración continua, á que garda fidelidade desde hai anos, das posibilidades que ofrece a interacción entre a palabra poética e o universo artístico que poboa a  pintura ou a imaxe.

Con todo, neste Cartas dende o esquenzo, Ramos opta por transitar un camiño en que condensa toda a atención na palabra pois nel planea primordialmente unha preocupación como é a de esculcar nas dimensións que atesoura a propia linguaxe como ferramenta comunicativa cando esta se vai diluíndo ou perdendo. As cartas nacen “desde o interior do esquenzo” e son palabras concibidas desde un silencio que, ao tempo, é un desterro ou exilio empobrecido pola incapacidade de expresar, mais presente sempre coa  intención de testemuñar un “eu”, isto é, de materializar unha presenza e unha pegada antes da desaparición.

O discurso poético -sempre concibido cun trazo limpo e brillante- céntrase na perda progresiva da memoria: nesa memoria como fonte que, nalgún momento, pode estiñarse se hai unha razón poderosa que a destrúe como é a amnesia que produce o alzhéimer. Velaí como arredor deste motivo se articula un diálogo, na realidade un dobre diálogo, a través dunhas cartas que, por un lado adoptan a forma de poema mediante as que un pai escribe ao fillo sabendo que este nunca espertará dentro dese soño; mais tamén hai outro diálogo -neste caso unha sorte de monólogo-  que é outro punto de vista, agora situado ao pé do poema e gobernado por un discurso máis narrativo e dotado dunha orientación distinta, se cadra exposto nunha clave máis optimista, evocadora e que asume a enfermidade que trae canda si a desmemoria.

Nun e noutro caso, envolve este libro profundo unha “lección a piques de ser esquencida”, construída por anacos de memoria que resoan nun non-lugar do que xa non se volve; mais son ao tempo ecos que percibimos coa vontade de erixir un testemuño de vida e amor filial que se mantén, malia o ermo da ruína e a doenza. Estas Cartas… constitúen un libro que cómpre habitar coa lectura, poboado de intensa emoción porque as palabras poden perderse pero os afectos perduran, malia a incomunicación que o silencio comporta.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 6 de xullo de 2018.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: