En abril de 2015 tiven ocasión de recensionar un libro que me impactou, como a calquera outra persoa que tivese acceso a el. Tratábase de Cartas de un condenado a muerte, de José Mejuto Bernárdez, que editara Alvarellos Editora.
O libro, en edición de Ana Paula Mejuto e Olivia Rodríguez e con limiares de Eduardo Galeano, Xesús Alonso Montero e da propia Ana Paula Mejuto supuxo un verdadeiro acontemento dentro das achegas epistolares que agroman desde a represión que o golpe militar do ano 36 instaura entre nós.
Este pasado domingo a illa de San Simón acolleu un acto que, máis que de reparación, foi de xustiza na memoria dun represaliado e sometido a un xuízo sumarísimo coa consecuencia funesta da aplicación dunha pena de morte a todas luces inconcibible.
Alí permitíronme ler unha das cartas que José Mejuto escribiu ao pouco de chegar ao campo de concentración de San Simón. Quero dar as grazas ás persoas que idearon este encontro -Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez, Patricia Arias, Carmen Blanco e Ana Acuña-, á emocionante música de 2nafronteira, ás persoas que alí interviñeron tamén dándolle voz ao propio Mejuto e, por suposto, á profesora e neta do autor das cartas, Ana Paula Mejuto a quen, ao fin, tiven o pracer de coñecer persoalmente. Foi, díxeno alí, unha tarde verdadeiramente memorable e emocionante.