O imaxinario do país. Letras de magnesio, de Anxo Cabada

Anxo Cabada

O imaxinario do país. Letras de magnesio

Deputación de Pontevedra, 2018, 110 páxinas, 10 €

 

O fotógrafo e profesor Anxo Cabada, responsable de publicacións como foron Maregrafías, Terragrafías Vilagrafías,  ideou hai anos un proxecto que por fin ve a luz ao abeiro das actividades do denominado “Ano da Lingua” que promove a Deputación de Pontevedra. O imaxinario do país conta, así pois, cunha exposición fotográfica -que se pode visitar no vestíbulo da institución pontevedresa e que gozará dun carácter itinerante- mais un catálogo en forma de libro que será o que nos ocupe aquí.

Nel destaca, ao meu ver, o criterio interdisciplinario que rexe a concepción do proxecto como é o de fundir unha cincuentena de retratos en branco e negro de voces creadoras da literatura galega contemporánea -eses que realiza o fotógrafo e nos que capta este ou estouro elemento singularizador, cun texto -en prosa ou verso, algunhas veces sen el- en que cada unha das persoas fotografadas falan de si mesmas. Todo por xunto contribúe a dotar, tanto á exposición como ao catálogo, dun interese extraordinario pois, en efecto, aínda que sexa imposible unha presenza total das voces que constitúen a nosa plural e polifónica República das Letras, a escolla resulta representativa e cómpre entendela como unha achega valiosa neste eido e esteticamente sorprendente.

É este un libro, así pois, que irmanda imaxe -a sempre complexa arte fotográfica-, coa palabra creativa e coa propia lingua. Na súa integridade ofrece, abofé, un imaxinario do país ao que cómpre asomarse porque, de seu, ofrece un galano que non se pode rexeitar, isto é, o de recoñecer visualmente voces que se reflicten nas olladas, por veces desafiantes, profundas, fuxidías, intensas, luminosas, esquivas, amables ou doces; nos rostros con sorrisos ás veces levemente bosquexados, francamente abertos ou, noutros casos, con ricto serio, grave ou concentrado; revelando cansazo, preocupación, serenidade e, en ocasións, contaxiando certas faíscas de melancolía. A disposición corporal dos retratos tamén é elocuente como o son as propias  mans, que tan ben revelan o paso do tempo e que, desde posicións particulares, suxiren o camiño que os conduciu, conduce ou conducirá a darlle forma ao pensamento para alimentar, a través da creación literaria, os nosos soños e as nosas vidas.

Non teño dúbida de que O imaxinario do país atesoura moitos valores, entre os que se conta tamén o de que as imaxes aquí recollidas dialogan interxeracionalmente entre si e mesmo coas persoas que se achegan con curiosidade a valoralas para quedaren retidas nos nosos fíos da memoria, apreixadas polo tempo para seguir adiante.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de xullo de 2018.