Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Claro de lúa, de Puri Ameixide

Puri Ameixide

Claro de lúa

Xerais, Vigo, 472 páxinas, 21 €, 2018

 

Tras a súa primeira novela, Nada se esquece (2013), proposta na que a escritora e profesora monfortina Puri Ameixide afondaba nunha historia construída cos vimbios que ofrece a memoria persoal, mais tamén colectiva, dun pasado inmediato, ofrece arestora Claro de lúa: unha voluminosa achega novelística de orientación canónica e raigames inequivocamente musicais desde a súa concepción como demostra un título que remite á denominación popular coa que se bautizou a Sonata para piano n.º 14, que compuxo  Ludwig van Beethoven en 1801.

Se a música, que por inmanencia nos acompaña na lectura deste libro, constitúe un elemento fundamental pois serve igualmente para estruturar as tres partes da novela construídas con solvencia como son  Adagio Sostenuto, Allegretto e Presto Agitato, exhibindo cada unha delas unha sorte de ritmo, melodía e harmonías distintas consonte os diversos asuntos abordados, non resulta menos importante, ao meu ver, o feito de situarnos na reconstrución dun espazo e un tempo moi preciso como é o da vila da Guarda a comezos do século XIX, na época tempos da invasión napoleónica. Con todo, ao meu ver, ese é o pano de fondo, a atmosfera da ficción -reconstruída sen tacha- que, dalgún xeito, resulta operativa para homenaxear algúns dos monumentos da narrativa da narrativa do XIX, nomeadamente Guerra e Paz, de Tolstoi coa que establece un diálogo en canto a diversos asuntos como poden ser o das relacións sentimentais ou o contraditorio que resulta a propia condición humana.

Non é esta unha novela de personaxes, ou non é soamente iso pois en Claro de lúa salientan, con forza propia, tanto a protagonista Rosa, perfilada cun tratamento en parte debedor do espírito dalgunhas novelas de Charlotte Brönte ou Jane Austen e a figura de don Leandro, que tanto evoca ese fidalgo comprensivo que se decata da relevancia social que posúe a escala social que ocupa e que tan ben perfilou no seu tempo Otero Pedrayo: don Leandro atopa así o seu lugar, o seu definitivo lugar, para o resto da súa vida e esta novela, documentada exemplarmente e concluída, para min, con moito acerto, así nolo confirma.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 27 de xullo de 2018.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: