Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Na morte do poeta Lois Antón

Amence máis triste o lugar de Escudeiros e todo o val de Ramirás que é como dicir o mundo todo. Foise onte un poeta e un amigo chamado Lois Antón que botaremos de menos. Un verdadeiro fistor, non sei se o derradeiro, das Terras de Celanova. Foi labrego e emigrante, foi autodidacta e poeta comprometido coas causas xustas da vida e co seu país que nunca foi outro que Galicia.

Nas páxinas que deixou escritas como Pequeno poemario para xente pequena, A máis fermosa roseira, Aos bos e xenerosos, Vellos e novos cantares e mesmo nunha edición da súa obra dramática publicada baixo o título de Lembranzas dun tempo esquecido -moitos deles feliz  realidade grazas á teimosía de Xoán Carlos Domínguez Alberte, quen tamén coordinou o libro de homenaxe Voz da terra, arela do pobo– transloce sempre a ferreña vontade de transmitir a memoria colectiva, mais tamén a individual e a que falaba da propia experiencia . Lois Antón sabía quen era, sabía quen eramos e cara a onde debiamos camiñar; sabía que o futuro repousaba na infancia e nunha sociedade que crese máis en si mesma e nas súas propias posibilidades.

Foi un home xusto, politicamente activo no seo do nacionalismo galego e militante destacado do BNG. Persoa sempre comprometida e xenerosa, compartía os seus saberes con intelixencia e transparencia, tamén con paixón e convicción cando cumpría. Sempre disposto a colaborar con calquera iniciativa que se lle formulase penso agora na fortuna que foi coñecelo e que me brindase a súa amizade para compartir a palabra e os afectos. Que a terra lle sexa leve.

Advertisements

3 comentarios en “Na morte do poeta Lois Antón

  1. Asociación Cultural Follas Vivas Lois Anton de Casardeita.
    30 Xullo 2018

    Dende a Biblioteca Loiis Anton de Casardeita, GRAZAS.

  2. Pingback: Adeus ao poeta Lois Antón (Escudeiros, Ramirás, 1931 – 2018) | crebas.gal

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 29 Xullo 2018 por en Literatura galega,Obituario,Poesía , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: