Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Contra a desmemoria: o Museo Refuxio da Guerra Civil de Cartaxena

Cando o proceso de restitución da memoria, en forma da exhumación dos restos de tantas persoas sepultadas en foxas comúns, ocupa páxinas de información cotiá, supuxo unha satisfacción coñecer un espazo, aberto desde o ano 2006, onde se cultiva con diginidade a memoria da guerra civil dunha cidade bombardeada pola aviación italo-alemá como foi Cartaxena, debido a que era a sede da flota republicana e un centro relevante da industria de guerra na zona leal á legalidade.

O Museo goza da particularidade de rescatar e posibilitar o acceso a unhas instalacións escavadas orixinalmente na rúa Gisbert de Cartaxena, concretamente nas abas do outeiro da Concepción  onde se podían albergar ata 5.500 persoas. A distribución do espazo museístico revisa a vida cotiá en plena guerra -as cartillas de racionamento, o tratamento da educación, a marcha ao estranxeiro de moitas nenas e nenos-, a defensa pasiva -sobre  todo da poboación civil- e mais as claves da defensa activa baixo os auspicios da chamada “Defensa Especial Contra Aeronaves” (DECA), alén das consecuencias que tiveron os bombardeos continuos que sufriu a cidade, sobre todo co chamado “bombardeo das catro horas” nunha nefasta tarde do 25 de novembro de 1936 e levado a cabo pola Lexión Cóndor.

Percórrese o espazo museístico cunha luz feble, tal e como se debía cruzar no ano 1938. Sen dúbida, foi esta unha viaxe no tempo necesaria e que se percorre co corazón encollido. Moi recomendable.

This slideshow requires JavaScript.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 30 Xullo 2018 por en Crónica,Memoria , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: