Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Palabra de bruxa, de Andrea Barreira Freije

Andrea Barreira Freije

Palabra de bruxa

Galaxia, Vigo, 2018, 168 páxinas, 12,20 €

 

Tras Non hai luz sen escuridade, debut narrativo de Andrea Barreira Freije, chega tres anos despois unha nova novela baixo o título de Palabra de bruxa, proposta encaixada na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia e abeirada, ao meu ver, a esa narrativa de fronteira que a fai apta para todos os públicos.

Internámonos, con Palabra de bruxa, por un marco temporal que se dilata en menos dun mes na vida de Berenice desde o  momento en que é capturada e interrogada pola Inquisición en Queixumes, lugar do que ela é natural. Destaca nestas páxinas a abondosa documentación manexada pola autora para converter esta ficción nun relato verosímil que convenza a quen se achegue a el. Unha documentación que manexa con tento para que non se advirtan as, sospeito, abondosas fontes consultadas para que o argumento, que pasa a mans polas cicatrices que deixa a vida dunha muller que é poderosa e que, por iso mesmo, resultada perseguida e axuizada, se convirta en algo tanxible, en algo tamén doloroso transmitido con limpeza e emoción. A isto último contribúe a presenza de diversas figuras, concibidas con solvencia e loxicamente precisas nun contexto como o que se deseña, tal o inquisidor Agustín de Lancre y Avellaneda, Pío Salazar ou outras bruxas vinculadas, dalgún xeito, con Berenice.

Malia ser previsible o final da protagonista talvez sexa iso o menos relevante pois Andrea Barreira condúcenos con acerto, e cunha prosa coidada e esixente, por todo aquilo que podemos sospeitar no que atinxe á acusación que podía dirixirse a unha muller en tempos que se tornaban escuros e difíciles, e aínda máis para alguén que detentaba esa condición con orgullo. Lectura que, no fondo, ben pode proxectarse para o presente.

Pasaxes hai aquí que podían caer no tremendismo mais son tratadas con precaución, contención e elegancia; pasaxes hai que se apropian dunha enorme plasticidade como a descrición, por poñer un exemplo, do aquelarre de bruxas. Libro cheo, en fin, de relacións contraditorias entre os seus personaxes, irisadas con diversos matices, como así debeu de ser naquel tempo que se deseña con lucidez e acerto, como así é nos tempos actuais porque a condición humana non cambiou tanto. Un paso adiante de Andrea Barreira como novelista que, teño para min, cómpre celebrar.

 

Advertisements

Un comentario en “Palabra de bruxa, de Andrea Barreira Freije

  1. Pingback: "Palabra de bruxa", novo libro da fonsagradina Andrea Barreira | | Xornal da Fonsagrada

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 31 Xullo 2018 por en Crítica literaria,Novela , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: