Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

The makin of, de Xavier Alcalá

Xavier Alcalá

The making of

Galaxia, Vigo, 372 páxinas, 24 €

 

Xavier Alcalá, folga dicilo pero talvez non estea de máis lembralo, escribiu multitude de páxinas, algunhas delas consideradas xa clásicos contemporáneos, que reparan neses fíos ás veces visibles e outras non tanto, que unen Galicia e Arxentina. Con The makin of, dalgún xeito, axusta contas con dous elementos ou factores que entendo novidosos.

O primeiro céntrase, precisa e significativamente, no “como se fixo” ou “no así se fixo”, destacado no propio título do libro, e que se focaliza como advertencia prioritaria.  Esta orientación achega a proposta a unha sorte de “non ficción” que engloba o relato do proceso de esculca e investigación que un enxeñeiro leva a cabo tras recibir a petición, por parte dun compañeiro de traballo, de que investigue a morte do seu avó na Patagonia. O espello deste proceso será o que nos leve, nun tempo próximo a nós, á investigación que o enxeñeiro vai realizando coa axuda de personaxes claves como Cholo Rei -un “sabuxo patagónico”- ou o vasco Koldo e grazas, asemade, aos resultados que obtén das diversas visitas que el mesmo realiza á Arxentina.

O outro eixe que ocupa a novela é xa recreación que se constrúe en base ao que se foi compilando e coñecendo a través de fontes orais ou documentos policiais e xudiciais. Todo por xunto é o que dalgún xeito se ofrece “noutra novela” que encerra The makin of e centrada na  vida dun personaxe -Alfredo Mosquera, o Coghomelo, o Petiso Forzudo ou Gayego Mosca, que a todos estes nomes responde- que protagoniza unha historia relatada con forza e verosimilitude para revelar as peripecias deste emigrante que non simboliza o éxito senón un fracaso, mais un fracaso tan cheo de matices como ten  a súa propia personalidade. Resulta difícil empatizar coa figura do protagonista, a non ser pola relación de amizade que mantén con outro emigrante chamado Jesús Pedreira, e talvez non sexa xustamente ese o obxectivo da novela senón, como dixen antes, evidenciar que na emigración galega á arxentina se deron casos como o que aquí se recrea, isto é, situacións en que que o individuo, carente de ética, se extravía no uso de todo tipo de violencias e nos negocios clandestinos. A carón desa biografía corren, claro é, ríos paralelos que verten augas nas dimensións da emigración galega que chega a unha cidade de latas e vento como é Comodoro Rivadavia, ao universo do activísimo sindicalismo ou á sorprendente presenza dos nazis na Patagonia. Por todo isto, e máis razóns, creo que é unha novela que cómpre coñecer.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 3 de xullo de 2018.

Advertisements

3 comentarios en “The makin of, de Xavier Alcalá

  1. Xavier Alcalá
    4 Agosto 2018

    Moi agradecido ao Ramón Nicolás pola súa visión certeira das historias que se contan en “The Making of”. O crítico resume perfectamente as intencións que nos levaron -ao Cholo Rey e a min- ás sucesivas versións da novela.

  2. Pingback: Ramón Nicolás valorou The making of - Xavier Alcalá

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: