Edición (exenta e artesanal) de “Miña matria Galicia”, de Celso Emilio Ferreiro: 50 anos despois.

Celso Emilio Ferreiro

Miña matria Galicia

Fundación Celso Emilio Ferreiro, Vigo, 2018, s/p, edición non venal.

 

O ano 1968 resultou especialmente convulso para Celso Emilio Ferreiro pois no mes de xullo recibira a comunicación oficial da Hermandad Gallega de Caracas comunicándolle a expulsión da entidade que, había pouco tempo, o reclamara para exercer diversas funcións culturais. Con todo, nese tempo, recibe a noticia de que o seu poema “Miña matria Galicia” resultara gañador nunha das catro categorías -concretamente o Premio Rosalía de Castro ao mellor “Canto á muller galega”- que se inscribían nos chamados “Xogos Florais do Idioma Galego” que organizara a colectividade galega de Buenos Aires capitaneada por Manuel Puente e cun xurado composto por Víctor Luis Molinari, Francisco Luis Bernárdez e Juana de Ibarborou. A entrega do premio, á que o propio Celso Emilio non puido asistir segundo as miñas informacións, consistiu nun acto celebrado o 31 de agosto de 1968 no que actuou como mantedor Xosé Luís Méndez Ferrín cun importante discurso recollido, como os textos galardoados, no libro Xogos froraes do idioma galego (Nós, Buenos Aires, 1968).

A cincuenta anos daquel acto e daquel galardón, a Fundación Celso Emilio Ferreiro publicou unha moi oportuna edición exenta do simbólico e extraordinario poema seguindo a versión que viu a luz no volume arriba amentado. Trátase dun proxecto realizado no obradoiro de  El Gato Gris Ediciones que capitanea José Noriega, admirador do poeta de Celanova e responsable do deseño e da estampación da publicación. O resultado final constitúe unha verdadeira regalía e un gozo para os sentidos das persoas que amamos os libros ao poñer en valor esa case desaparecida tradición tipográfica manual e artística, neste caso con dous pregos de papel artesán pegados a un cartafol que inclúe, na cuberta, un autorretrato do autor datado de 1938 e encadrado con gofrado e, na contracuberta, a reprodución do ex-libris do autor co lema “vivir es navegar”. Sen dúbida unha das mellores maneiras posibles de ofrecer un dos poemas máis extraordinarios de Celso Emilio Ferreiro.

Acuarela Comunicación, da man de Xan Leira, realizou hai algúns anos un documental moi interesante sobre os Xogos Florais porteños que axudan a entender a relevancia deste acto e que me permito deixar aquí para as persoas interesadas.