Hai un par de anos titulaba un apuntamento neste blog de xeito semellante logo da presentación na Feira do Libro da Coruña d´O espello do mundo. A casualidade -ou non- fixo que onte repetise experiencia con Lapis na noite e, realmente, foi unha fortuna contar coa palabra, e cos afectos, de todas e cada unha das persoas que asistiron e, en especial, de Fran Alonso, María Canosa e Mercedes Queixas que dixeron cousas ben fermosas sobre ela. Tres Lenas Grove, se se me permite, cuspidas á que inmortalizou Faulkner en Luz de agosto, á busca das claves que puidesen axudar a entender as razóns de tanta memoria nesta novela, dos ríos subterráneos que a percorren nesa liña imaxinaria trazada entre Arxentina e Galicia e da presenza dun xacarandá, claro, e fixérono inmellorablemente. A miña gratitude tamén a Xerais e á organización da Feira do Libro da Coruña.