Gol. Aventuras no mar
Demo Editorial, A Coruña, 2018, 52 páxinas, 12 €
Na Feira do Libro de Vigo Tokio asinoume este novo traballo seu que aínda recollín nunha libraría amiga a finais da semana pasada. Velaquí este terceiro libro do biólogo, ilustrador e debuxante vigués, que se suma ás dúas anteriores novelas gráficas da súa autoría como foron Cabana de Balieiros (Demo Editorial, 2011) e, tres anos despois, unha nova versión d´A causa do crime, no mesmo selo editorial e tras un traballo salientable que levou a cabo no mundo da ilustración e da banda deseñada desde os tempos dos fanzines vigueses de finais dos anos oitenta, onde cadramos felizmente nalgún proxecto.
Dun ou doutro xeito, con Gol. Aventuras no mar Tokio intérnanos nun mundo que vén transitando, por razóns profesionais, como biólogo. Responsable arestora de proxectos científicos e de educación ambiental na ONG “Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños – CEMMA” exhibe a súa experiencia nestes eidos a través dun monllo de historias autoconclusivas en que o protagonista, loxicamente, é o arroaz “Gol”. Estas historias achegan con transparencia, enxeño e verosimilitude, mais tamén con axeitadas doses de humor de cando en vez, o mundo deste arroaz, inequivocamente simpático e entrañable, coa clara vontade de emitir unha mensaxe ecolóxica que vai desde a denuncia polo tratamento inadecuado do noso medio natural ata reforzar a idea do respecto cara ás diversas especies mariñas.
A orientación desta banda deseñada, ao meu ver, faina operativa para un lectorado novo mais tamén para outro adulto. Particularmente, foron moi do meu gusto aquelas historias en que o protagonista parece inquirir ao seu autor polas fronteiras que impón o xénero da banda deseñada e no que debe encaixar e aqueloutras dominadas polo humor e a sorpresa. Cómpre salientar, asemade, a acaída opción de non empregar practicamente un discurso oral e facer descansar a evolución argumental no aspecto cinético, no continuo movemento e, abofé, na expresividade dos rostros e dos corpos. Moi recomendable este Gol. Aventuras no mar; moitos parabéns ao seu autor.