A profecía e o xogo dos espellos, de Manuel González Prieto

Manuel González Prieto

A profecía e o xogo dos espellos

Uno Editorial, 64 páxinas, 10 €, 2017.

 

Hai libros que, de seu, escollen o seu propio ritmo de lectura, tamén fan aparición cando eles queren entre a morea de novidades en que inconscientemente se mergullan e chegan a un cando xa non o son estritamente, pero iso tanto ten.

Quería ocuparme brevemente deste A profecía e o xogo dos espellos que constitúe o primeiro libro de Manuel González Prieto e que, ao tempo, é unha tentativa de ofrecer algo semellante á edición estendida pois posúe un correlato en forma de vídeo-poemas que se poden consultar procurando aquí as vinte mulleres – Iria-Friné Rivera, Lola Ferreiro, Mónica Balado, Noelia E. Rionegro, Rosa Enríquez, Cristina Barbeito, Sara Martínez, Dores Asorei, Chus Pato, Rebeca Baceiredo, Sarela González, Eva Cañizares, Ester Folgueral, Helena Sanmamede, Oriana Méndez, Helena Salgueiro, Ana Gallego, Iolanda Zúñiga, Jeane Costa e Patricia Porto- que os recitan a carón de imaxes de diversos espazos como son O Courel, O Cebreiro, Os Ancares, O Bierzo, os canóns do Sil, a Fraga de Catasós e outros.

Os poemas de González Prieto articúlanse como un diálogo, vizoso e creativo, se se quere un espello con outras tantas vinte voces do panorama poético galego ás que dalgún xeito rende tributo particular como son Igor Lugrís, Manoel Antonio, Luz Pozo, Xohana Torres, Alberto Lema, Emily Dickinson, Sylvia Plath, Anxo Angueira, Rosa Enríquez, Bernardino Graña, Estíbaliz Espinosa, Uxío Novoneyra, Dores Tembrás, Lois Pereiro, Oriana Méndez, María Lado, Lara Rozados, Celso Emilio Ferreiro, Joseba Sarrionandia, Manuel Murguía, Antía Otero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Fran Pérez NARF e María do Cebreiro.

O proxecto, que une en simbiose poesía e imaxe, recoñecemento e creación persoal creo que resulta orixinal e, ademais, goza dunhas inequívocas posibilidades didácticas. Mais, alén diso, a voz de González Prieto incorre -cun léxico extremadamente coidado e preciso- na dimensión do anuncio, da profecía, da man de vinte e seis voces que resultan operativas para inspirar ao autor para compor os seus propios poemas que, ao tempo, se abren nunha pluralidade de interpretacións erixíndose, talvez, como un camiño, inscrito nunha estrutura parateatral, onde unha personaxe o percorre adoptando diversas fasquías, diversas actitudes, diversos simbolismos coma se fose un exercicio de metamorfose inserida, ao tempo, nunha escrita esixente, coas imaxes visionarias a golpear a conciencia de quen se achega a ela, construíndo unha escrita senlleira e, probablemente, necesaria.