Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes

Xesús Rábade Paredes

Memoria do corpo

Galaxia, Vigo, 2018, 68 páxinas, 9,50 €

 

Hai xa cinco anos que Xesús Rábade Paredes nos regalara un libro de memoria perenne en min como foi Sobre ruínas e agasállanos agora outra achega singular como a atesoura este Memoria do corpo, aparecido hai uns meses.

Teño para min que é este un dos grandes libros do poeta chairego. Non sei se a experiencia, se o filtro esixente que aplica ao seu traballo, se o ritmo demorado de composición que se espella en cada poema,  ou simplemente, se o talento creador pode explicalo, mais talvez non vaia desencamiñada unha explicación que apunte a todos os elementos que acabo de sinalar.

Memoria do corpo, así pois, é un libro polifónico e, ao tempo, intenso e revelador dunha estética -e dunha ética- da que se fala nel mesmo. A proposta poética é confesional e íntima, mais ao tempo colectiva e social, clara e abertamente activa e política, tamén irónica por voces. Ábrese cun pórtico en que se desvela a actitude “poética” do creador: “Pasa a vida e recolles a memoria / que o corpo procesou de tanto dato” e mais un poema extraordinario en que, tras inquirir as causas da escrita, co pano de fondo de Rosalía, Dieste e Manuel Antonio, vai concluírse que todo é cousa de investigar “no caos que levas dentro”, sempre desde a instancia da modestia e non da exhibición.

No libro empréndese unha viaxe, que se relata, e hai un retorno, que tamén se relata: un alfa e omega cheo de acougo, que pasa abrazando a contención pola peneira do afastamento ou distanciamento obrigado do máis íntimo; que repara naquilo que a vida vai deixando no corpo e como este tamén ten memoria vai trasladarnos, nun ir e vir continuo do Valverde primixenio ao Valverde de arestora. E nese tránsito recorrente opérase a transmisión, diáfana e tamén emocional, do que a vida sedimentou no autor de maneira que é aí onde adquiren novas irisacións as olladas, os acenos, os espazos e territorios -os nosos e aqueles seus particulares-, as paisaxes, a morte, as arrecendos que aínda perduran e o erotismo para converterse, todo en corpo e palabra.

Reivindícase, asemade e explicitamente, o herdo que se asume doutras voces que circulan mesturadas na propia voz do poeta: Rosalía, sempre, e tamen Hölderlin, Milton, Cunqueiro, Avilés… Palabras matrices e fecundas estas de Rábade Paredes para dicir en voz alta, para ler tamén en silencio. Dun e doutro xeito agroman nelas sempre a música que os poemas levan canda si construíndo unha partitura realmente fantástica. Non perdan a oportunidade de sentila.