Unha historia, de Marianna Coppo

Marianna Coppo

Unha historia (tradución de Xosé Ballesteros)

Kalandraka, Pontevedra, 48 páxinas, 15 €, 2018.

 

Suxestiva e orixinal esta aposta de Kalandraka por unha obra da ilustradora e escritora italiana Marianna Coppo baixo o título de Unha historia. En efecto, esta é unha “historia” que reflexiona sobre o valor das “historias”, mesmo sobre as dimensións diferentes que poden agochar estas, de mans dadas cun argumento que nace da imaxinación e do dominio duns lapis de cores que exhibe un personaxe: o máis pequeno pero, se cadra, o máis enxeñoso.

Coppo formula, desde o comezo, unha situación moi sinxela: velaí un páxina en branco, que se corresponde coa única intervención directa da voz narradora, reiterada dobremente como suxestión para seguir con esa filosofía creativa. É esta, así pois, unha plataforma inicial para situar cinco personaxes desorientados que se decatan que viven nun libro á espera dunha historia que poden, ou non, protagonizar eles mesmos. Desde aí, un deles, será quen de idear “historias” a partir duns lapis de cores que virán achegando aos demais ao seu propio mundo. É, pois, un exercicio dobremente enxeñoso o que amosa este libro: por un lado, desde o punto de vista literario, reflexionar sobre o concepto de “espera” que se verá cabal e imaxinativamente completado á súa conclusión e, por outro, como a ilustración pode ser quen, coas súas propias leis, de crear “outra” historia paralela á que se agarda e que, no fondo, xa non resulta precisa pois o relevante é, sempre, o que calquera poida imaxinar e darlle forma, con palabras ou coas imaxes.