Memorias dunha vaca marela, de Afonso Eiré

Afonso Eiré

Memorias dunha vaca marela

Hércules de Ediciones, A Coruña, 240 páxinas, 17,90 €, 2018.

 

Se a vaca xa ocupou, como símbolo, a narrativa de Rivas, e como protagonista outras obras de Atxaga ou Marilar Aleixandre, sospeito que Afonso Eiré, excelente coñecedor do mundo rural, quixo con esta obra render dous recoñecementos. Un sería o que parte do propio título da novela que fai pensar, inequivocamente, na novela clásica de Neira Vilas da que esta resulta, ao meu ver, un excelente complemento ou continuidade, salvando as diferenzas  como son o período retratado -bastante máis recente ao noso tempo- e o singular protagonismo que non fai recaer nun animal calquera como ben dixo Castelao senón, como se insiste en todo o libro, nun animal “multifunción” que rescata do seu libro Eu tamén fun coas vacas (2001): velaí a Cachorra, unha vaca maioral da casa, unha vaca marela de raza rubia galega. Neste sentido cobra relevancia un sincero e transparente tributo a un universo en transo, simbolizado nun animal totémico, e recreado a través dun brillante rexistro lingüístico que serpea, cando cómpre, polo humor, a sorpresa, a indignación, a tenrura ou, mesmo, a traxedia.

A segunda homenaxe derívase do anterior. Cachorra é un animal doméstico con memoria e desde ese atribución vai máis alá de revelar a súa chegada ao mundo ou a súa conversión nun animal querido e necesario, con personalidade propia, que se reafirma con orgullo como insubstituíble e dona dunha filosofía que talvez só nós entendamos.  A protagonista testemuña as modificacións que sente no seu propio lombo e que van desde as vivencias nunha explotación tradicional e de subsistencia ata aqueloutras propias dunha explotación tecnoloxizada e industrial, marcada pola rendibilización dos produtos lácteos, cambios responsables de que xa non sexa precisa ou, cando menos, non tan precisa. Esas modificacións dos ritmos e da concepción dos traballos foron, dalgún xeito, esténdese a gran parte da sociedade rural galega dos últimos anos polo que este libro é, asemade, un excelente, orixinal e honesto testemuño, ofrecido con singularidade desde un punto de vista inédito como é o da derradeira vaca da casa de Lucenza: esa que imaxinamos afouta, fiel, rexa e de lánguidas e cómplices olladas.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 17 de agosto de 2018.