Sobre a eutanásia, de Brais Arribas

Brais Arribas

Sobre a eutanásia

Através Editora, 104 páxinas, 8 €, Santiago, 2018

 

Estrea Através Editora unha colección suxestiva que, baixo a dirección de Teresa Moure e coa denominación de Alicerces, pretende estimular o espírito crítico e ofrecer, a través de libros de carácter divulgativo e afastados -nos seus discursos- de academicismos, a posibilidade de achegarnos a diversas áreas do coñecemento, algo preciso para nos informar, opinar e debater se cómpre. A carón do ensaio sobre a dramaturxia baixo título de Confio-te o meu corpo, de Afonso Becerra de Becerreá, aparece este Sobre a eutanásia, subtitulado “Quando decidir que uma morte é vital”, do profesor e filósofo Brais Arribas e que agora brevemente nos ocupa.

O libro de Arribas, a meu entender, pon enriba da mesa, con precisión, documentación, equilibrio e respecto un asunto sobre que non se pensa, até que se fai preciso, pero que está presente en nós pois pertence á propia condición humana como é a morte. Co pano de fondo, como é lóxico, das iniciativas que perseguen a despenalización da eutanasia, alude o propio autor á etimoloxía do termo, isto é, ese “bo morrer” ou, se se quere, o ter ao alcance da man, se se pode escoller nunhas situacións moi determinadas, “unha boa morte”. A partir destes esteos -e cun interesante limiar a cargo de Gilberto Couto autor do libro A eutanásia descodificada (2016) e membro da Comissão Coordenadora do Movimento Cívico pela Despenalização da Morte Assistida, en Portugal- Arribas articula unha achegamento rigoroso sobre a eutanasia a través de cinco breves capítulos en que, alén dun limiar que expón os conceptos esenciais do asunto como os de aprender a morrer, axudar a morrer e a existencia dun novo paradigma sanitario e mais unha conclusión en que ofrece a súa visión particular sobre a eutanasia, na que concordo plenamente, analiza a temática achegándose a conceptos como o suicidio asistido, a sedación terminal, a limitación do esforzo terapéutico, o rexeitamento do tratamento ou a relevancia crucial que atesoura o chamado testamento vital, ao que acrecenta necesarias incursións verbo da eutanasia no Dereito e as dimensións que encerra o concepto do “dereito a morrer”.

Un libro, indubidablemente, necesario e que posibilita, desde o rigor, a reflexión e o debate. Celebro a súa publicación.