Baldomero Pestana. A verdade entre as mans

Chus Villar, Juan Bonilla e Carmen Rico

Baldomero Pestana. A verdade entre as mans

Fundación Cidade da Cultura / Instituto Cervantes, 35 €, 326 pp., Santiago de Compostela, 2018.

 

No meu caso, grazas a unha amiga, foi antes o catálogo que a exposición dedicada á obra fotográfica de Baldo Pestana e, talvez por esa razón, non podía deixar pasar a oportunidade de visitar a última, que se clausurará o vindeiro dous de setembro no Museo Centro Gaiás.

E, en efecto, a exposición guiada previamente por este catálogo converteu a experiencia nunha verdadeira regalía ao confirmar tantos extremos e argumentacións, tantas fotografías, obxectos e recordos que atesouran unha vida e que tamén alimentan este libro mais que, dalgún xeito, cobran cabal sentido ao visionar un traballo fotográfico cheo de maxia e intensidade, que comunica sempre cousas distintas cada vez que se ve de novo. Un labor que resulta, inexcusablemente, o espello  dun percorrido vital e profesional, marcado pola emigración, que o levou a percorrer e radicarse en países como Arxentina, Perú e Francia, trazando un círculo case centenario (1917-2015) desde dous espazos lucenses como foron Castroverde, onde todo comezou, e Bascuas, onde faleceu.

Da súa experiencia, mais tamén do seu talento, tamén da sorte que se conserve o seu fondo fotográfico e que se poida expor nunha parte significativa, nace esta exposición deseñada, ao mesmo tempo, cun traxecto circular que serve para familiarizarnos con ese alfa e omega que supuxo Galicia para Pestana: lugar en que curiosamente resulta menos coñecido malia ser o gran retratista da cultura hispanoamericana do século XX que nunca cobrou por este servizo -a través das súas cámaras retratáronse García Márquez, Neruda ou Norah Longe-, reputado fotógrafo de multitude de revistas e xornais,  mais tamén doutras realidades ou motivos como foron espidos ou espazos singulares das cidades en que viviu: Lima, Buenos Aires ou París. Nun vídeo que se emite na exposición Pestana afirmaba algo semellante a que a miseria era sempre fotoxénica e, en efecto, fotografa persoas, nenas e nenos con moita frecuencia, que nunca perden a dignidade, dotándoos dunha expresividade, por veces enigmática por inesperada, que repousa no tratamento tan coidado que deposita no espazo, por veces nun rostro, na forza dunha ollada ou nun detalle en aparencia menor que cobra unha fascinante relevancia.

De todo isto, e moito mellor ca min e máis autorizadamente, falan no catálogo os comisarios da exposición, Juan Bonilla e Chus Villar, construíndo un documentado e completísimo “Dicionario Pestana”, ao que segue un texto que igualmente recomendo asinado por Carmen Rico e que evoca, desde as instancias da proximidade, dos afectos e das cartas conservadas, unha visión complementaria e próxima, humana e chea de emoción, da figura de Baldo Pestana, agora restituído ao lugar que merece, e moi xustamente.