Novidade (1): Catro cartas a un amigo alemán e outros textos, de Albert Camus (tradución e prefacio de Xosé Manuel Beiras; limiar de Miguel Anxo Fernán-Vello), Trifolium

Retomo con este apuntamento unha sección que dará conta, simplemente, das novidades editorais recibidas e agrupadas quer por selos editorais comerciais quer por outras propostas ás que teño acceso baixo o recurso da autoedición.

Estreamos, daquela, a serie co título, presentado hai poucas datas na Feira do Libro da Coruña, Catro cartas a un amigo alemán, de Albert Camus, con tradución e prefacio de Xosé Manuel Beiras, que xa as publicara na revista Grial en 1967 mais ás que agora engade outros nove textos complementarios.

O libro -requintadamente editado- está prologado por Miguel Anxo Fernán Vello e é a primeira edición en lingua galega publicada pola editorial Trifolium, dirixida por Xan Arias, desde as súas novas instalacións en Capileira (Granada).