Laia, de Baia Fernández de la Torre e Leandro Lamas

Baia Fernández de la Torre

Laia (ilustracións de Leandro Lamas)

Autoedición, Artes Gráficas Lugami, 34 páxinas, Betanzos, 2018.

 

Baia Fernández de la Torre sorprendera hai uns catro anos coa publicación de Unha viaxe de ruminantes ao que agora engade Laia, un libro dirixido a un lectorado máis novo e que se presenta cunhas ilustracións fantásticas dese grande artista que é Leandro Lamas, coas que segue a a deixar esa pegada persoal inconfundible, achegada ao espírito do naif e sempre gobernada polo intenso cromatismo.

Laia articúlase como un coidado álbum ilustrado en canto á súa estética, mais tamén no que se refire ao discurso que encerra que non é outro, ao meu ver, que a necesidade de coñecerse e, dalgún xeito, valorarse a si mesmo, á marxe do que os demais poidan xulgar. Todo isto vai vehiculizarse precisamente a través da figura dunha nena chamada Laia.  Cun pano de fondo gobernado polo respecto ao medio natural, a estrutura iterativa do relato posibilita que teña Laia goce, e sexa quen de interpretar, o que din tres paxaros como son Lavandeira, Cuco e Moucho…, todos tres atraídos en primeira instancia pola diversidade cromática que atinxen os seus cabelos aínda que, no fondo, esa relación particular que manteñen con ela bebe da sorpresa que o canto e o sorriso da nena que se converten nos verdadeiros elementos que a definen e polos que a valoran, isto é, non por cuestións vinculadas coas súa aparencia senón polo seu carácter e virtudes. Laia valora, asemade, ao final da súa aventura que o camiño é tamén aprendizaxe; que a experiencia é, sen dúbida, un paso necesario para madurar e conseguir ser ela mesma.